publicidade hoxe

A Deputación da Coruña saca a concurso a construción dunha senda ao Dolmen de Dombate

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio para a contratación de dúas sendas peonís que estarán sitas en Cabana de Bergantiños e Malpica.

A primeira delas, que sae a concurso cun orzamento de 97.178,44 euros, ten como finalidade a construción dunha senda de acceso ao dolmen de Dombate na estrada DP.1404, entre o punto quilométrico 0,200 e o 0,690. Segundo reza o proxecto técnico, a obra consiste na construción dun camiño peonil de formigón coloreado na marxe dereita. Ademais, inclúese tamén a colocación da rede de pluviais e a sinalización horizontal grazas ao pintado da liña da beiravía cun ancho de 15 centímetros. Finalmente, o proxecto prevé a redistribución das sinais existentes na súa nova localización, así como a colocación das novas.

En canto ao proxecto de mellora da seguridade viaria na DP.4307, entre Malpica e Ponteceso, as obras que se han realizar comprenden o tramo dende o PK 1,080 ao PK 1,320, e contan cun orzamento de licitación de 69.336,07 euros. A actuación consiste na construción dunha senda ao nivel da calzada cun ancho medio de dous metros, mediante escavación con saneamento nunha profundidade media de 1,05 metros.

A senda executarase a unha separación do borde da calzada de 25 cm, polo que será preciso demoler parte do pavimento nas zonas no que a beiravía actual sexa dun ancho superior. Ademais, para a drenaxe das augas pluviais contémplase a execución dunha rede a base de tubaxe de formigón baixo a senda, mentres que para a captación das augas colocaranse sumidoiros cada 25 metros. Finalmente, o proxecto inclúe as unidades necesarias de sinalización horizontal e vertical.

1 de maio de 2014 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.