publicidade hoxe

A D.O. Monterrei presentou os seus viños nun seminario co bicampión de España e finalista no Mundial de Maîtres, Nacho Costoya

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurense
A-
A+
Seminario no que participou Nacho Costoya

Seminario no que participou Nacho Costoya

Os alumnos de segundo curso de Dirección de Servizos de Restauración do CIFP Paseo das Pontes asistiron onte a unha clase maxistral da Denominación de Orixe Monterrei a cargo dun dos profesionais de sala de maior recoñecemento na actualidade, Nacho Costoya.

Unha vintena de alumnos do centro, moitos deles hostaleiros que buscan nestes ciclos formativos unha vía de mellora profesional, participaron onte no seminario dos viños de Monterrei.

O encontro daba comezo cun pequeno seminario, a cargo do persoal da Denominación, nun percorrido polo pasado, presente e futuro dunha rexión vitícola moza aínda por descubrir en Galicia. Unha vez contextualizada a zona produtiva, coñecida a súa estrutura e características diferenciadoras, foi a quenda da cata. Nacho Costoya impartiu unha master class entre os alumnos, con introdución á metodoloxía de cata, na que tentou espertar a capacidade sensitiva dos asistentes a través de cinco das elaboracións máis características da Denominación de Orixe. Presentáronse en cata comparativa dúas elaboracións dun coupage de Godello e Treixadura, a primeira da recentemente saída colleita 2013 e a segunda da colleita 2102, para así analizar a excelente evolución en botella dos viños de Monterrei, e demostrar que non é certo o mito de que os viños novos é preciso consumilos no ano. Este mesmo coupage degustouse a continuación nun viño criado durante seis meses en barrica, da colleita 2012. A segunda quenda foi para os tintos de Monterrei, tras introducir as peculiaridades e o perfil atlántico que caracteriza aos viños da rexión, catáronse dúas mencías, o primeiro novo da colleita 2013 e posteriormente un viño madurado en barrica de carballo durante 6 meses da colleita 2011. Para finalizar, nun intento de introducir o viño en novos rexistros, como o da coctelería, compartiuse co sector hostaleiro un “recetairo” que inclúe propostas atrevidas para incluír o viño en cócteles suxestivos como “A Pócima do Amor”.

A actividade finalizou con gran entusiasmo dos participantes, tanto de relatores como asistentes, no que resultou unha divertida xornada para promover un maior coñecemento da Denominación de Orixe Monterrei.

13 de maio de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.