publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sobre Díaz Castro: “En crisis podemos atopar persoas coma el que nos axudan a facer pé”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGuitirizLugoPortada esquerdaXuventude
A-
A+
Europa Press

“Penso que Díaz Castro transmite unha mensaxe para a mocidade e a xente: nunha época de crise podemos atopar mulleres e homes como el que nos axudan a facer pé”. Alfonso Blanco Torrado, presidente da asociación cultural Xermolos de Guitiriz e experto na vida e obra do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, reivindicou a figura do poeta como alguén que “axuda a agradecer” o próximo e a “crecer en autoestima” ata en tempos escuros como os que vive Galicia na actualidade. “Podemos navegar moi lonxe a través do mundo virtual, pero seremos capaces de entender e comprender mellor outras latitudes se valoramos o que temos máis preto. Se estamos alegres de vivir a vida no noso berce. É un poeta que axuda a agradecer o que temos máis preto, o noso propio mundo”. Blanco Torrado lembra a Xosé María Díaz Castro, con quen mantivo “sobre todo unha amizade” e “unha andaina en común”, como un home “moi sinxelo, moi humilde” e á vez “elegante e moi cordial”, que sempre se mostraba “alegre de vivir”. “Coñecino no tramo final da súa vida, cando se xubila en Madrid e vén para aquí. Ata os seus fillos o dicían, a época máis feliz para el. Porque el sempre estrañaba o colo da terra nai. Poder retornar ás súas raíces encheuno de felicidade e contaxiaba e compartía esa alegría”, explicou. Xosé María Díaz Castro dominaba 17 idiomas e traballaba de tradutor, aínda que nunca refugou a lingua da súa terra, ‘ou galego que me amou’, lembra Branco Torrado, parafraseando ao poeta de Guitiriz. “Non quixo renunciar a el, a pesar de vivir máis de 30 anos en Madrid”, destacou. Vilagarcía e Mondoñedo foron outras localidades e paraxes presentes na vida do homenaxeado, aínda que “o que apreciaba e valoraba” era “o que descubriu na súa infancia”, a Terra Chá. Alí descubriu o valor de “as pequenas criaturas que apreciaba”, da “grandeza da cultura labrega”, a Galicia interior e de paisaxes que suscitaron versos dedicados a cada folla de herba dos seus campos. “Herba, herba pequerrechiña, que con medo sorrís ao sol que vai nacendo e morrendo sen ti. Porque de ser pequena che me avergonzas ti? ou universo sería máis pequeno sen ti”, lembra Blanco Torrado, quen incidiu en que “para el, a vida non era unha casualidade”.

A LUZ DAS CRIATURAS

Segundo lembra o presidente de Xermolos, Díaz Castro “quixo ser autor dun só libro”, ‘Nimbos’ (1961), que inclúe 32 poemas “de varias décadas” que foi depurando e traballando no tempo. “Quería que fosen unha síntese moi axustada dunha mensaxe, un pensamento e unha música”, sinalou. Esta obra está chea de “ese agarimo polas criaturas máis sinxelas”, de “un profundo humanismo” e unha resposta a “os grandes temas da humanidade”, como son o tempo, a morte ou a natureza. Ademais, trátase dun texto cun certo estilo clásico, analiza Blanco Torrado, quen atribúe estas características á súa formación literaria no seminario de Mondoñedo. “Nimbo é arrincar a luz que para el esconde e garda cada criatura, desde os grilos ata o sol. Todas e todos teñen segredos e tesouros”, incidiu.

MATERIAL INÉDITO

A pesar da súa obra, a súa bagaxe intelectual e a súa traxectoria como tradutor de grandes textos en castelán, inglés, latín ou francés, Díaz Castro sempre foi un autor “algo invisible” cuxa “valía” tivo un recoñecemento tardío. Cando o vían pola rúa, lembra, a xente “non recoñecía nel ningún escritor” ou “ningunha persoa que estaba a achegar algo”, dado que era “humilde e sinxelo”. A asociación Xermolos dedicoulle unha homenaxe no último tramo da súa vida e o seu presidente considera que estas Letras Galegas son “un premio a ese esforzo” protagonizado por Díaz Castro. “Ese entusiasmo é o que queremos contaxiar. Que nos fai falta neste tempo de desánimo e desalento”, desexou. Na actualidade, publicaranse libros “inéditos” que o autor “non quixo publicar” e deixou á asociación, ademais dun libro en castelán. En concreto, serán dous cadernos dos anos 30 escritos na súa mocidade, baixo o título ‘Follas verdes’ e ‘Follas ao aire’.

3 de maio de 2014 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.