publicidade hoxe

18 lucenses que se atopaban no paro ocúpanse da mellora de servizos públicos de Becerreá, Cervantes e Pedrafita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáCervantesLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

18 lucenses que estaban no paro traballan agora en Becerreá, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, mellorando servizos públicos, co plan de emprego da Deputación. Trátanse dos traballadores que foron contratados a través de ditos Concellos coa programación do organismo provincial que combate o abandono da Xunta de Galicia, pois beneficia ós municipios de menos de 5.000 habitantes e da Rede Natura, que foron excluídos reiteradamente dos obradoiros e escolas taller do Goberno galego dende 2009. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, mantivo este martes encontros con estes traballadores. Fíxoo en compaña de Benigno Gómez e José Luis Raposo, Rexedores de Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, respectivamente.

Fronte ós 6 meses de contrato dos obradoiros de emprego doutras administracións, estes 18 lucenses traballarán durante 15 meses co plan da Deputación. Obras no medio rural, intervencións en espazos públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente, son exemplos das tarefas que están a levar a cabo. Atenden, en definitiva, as necesidades dos Concellos en prol da mellora dos servizos públicos municipais.

A Deputación asume as nóminas e os custes da seguridade social, facendo que o gasto do plan para as entidades locais sexa de cero euros. Preto de 500.000 euros é o orzamento que concede a institución provincial a estes 3 municipios da Montaña. Tendo en conta a situación das arcas municipais, a institución luguesa ofrece ós Concellos o anticipo do 90% do orzamento que lles corresponde. Deste xeito, xa ingresou nas arcas municipais de Cervantes, Becerreá e Pedrafita do Cebreiro 440.000 euros.

Traballadores e subvención
Os Concellos foron os encargados de realizar os procesos de selección do persoal. O número de traballadores por Concello determinouse polo número de habitantes, cun máximo de 11 para Concellos de ata 5.000 habitantes e un mínimo de 4 para os de menos de 500. Cervantes, cunha poboación de 1.593 habitantes, conta con 5 traballadores e unha subvención de 135.075 euros; Becerreá, 3.072 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; e Pedrafita do Cebreiro, 1.199 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros.

13 de maio de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.