publicidade hoxe

Uns 350 deportistas daranse cita no IX Trofeo vila de Cangas de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportes
A-
A+

Tras as festividades da Semana Santa a Fundación Cangas Deporte retoma o seu programa deportivo colaborando coa celebración do IX Trofeo Vila de Cangas de Taekwondo, organizado polo Club Sares-TKD Cangas, que se celebrará o vindeiro sábado día 26 de abril no Pavillón Municipal do Gatañal.

O torneo, que será unha competición de técnica, dará comezo a partir das 18:00 horas coa quenda dos máis de 140 deportistas apuntados pertencentes as escolas deportivas da Fundación Cangas Deporte. A partir das 19:00 horas será o turno da competición dos clubs, que contará coa participación de 210 deportistas do Sares-TKD e clubs invitados de Vigo, Ponteareas e A Cañiza.

As categorías nas que competirán son prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Unha vez finalizadas as probas haberá unha exhibición por parte dos membros do Club Sares-TKD Cangas.

Este mediodía tivo lugar a presentación do evento na Casa da Xuventude de Cangas, coa presenza do concelleiro de deportes Francisco J. Soliño e director deportivo do Club Sares-TKD Cangas Pablo Casares.  

O edil quixo destacar  que o taekwondo é un deporte que en Cangas “Sempre vai a máis” que conta con 200 licencias e case 200 deportistas nas escolas deportivas da Fundación Cangas Deporte. Pola súa parte Pablo Casares afirmou que este evento esta realizado “por e para o taekwondo cangués”.

23 de abril de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.