publicidade hoxe

Un total de 20 desempregados participaron no obradoiro Tambre-Ulla de formación certificada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PinoTouro
A-
A+
Beatriz Mato xunto aos participantes no programa

Beatriz Mato xunto aos participantes no programa

Un total de 20 alumnos en situación de desemprego participaron no obradoiro de emprego “Tambre-Ulla”, desenvolto en colaboración polos concellos de O Pino e Touro.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe os diplomas aos participantes desta iniciativa mixta de formación e emprego, na que o departamento autonómico investiu preto de 175.000 euros. Os participantes formáronse en dúas especialidades: fábricas de albanelería e instalación e mantemento de zonas verdes, con dez alumnos cada unha.

A titular de Traballo indicou que o obradoiro ofrece numerosas vantaxes. A primeira de todas elas, é que os alumnos poden acceder a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade. De feito, Mato lembrou que “os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade, que acredita a súa cualificación, enriquece o seu currículum e mellora a súa empregabilidade”.

Ademais, os obradoiros levan aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. En concreto, este programa mixto posibilitou actuacións de mellora en áreas recreativas e instalacións deportivas dos concellos de O Pino e Touro.

Mato salientou que este obradoiro é tamén un exemplo de cooperación entre concellos, pois agrupa os esforzos destes dous municipios o que permite acadar a “máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”.

A conselleira lembrou tamén que o Goberno galego mantén unha firma aposta por estes programa mixtos de formación e emprego. Actualmente, hai en marcha en Galicia 50 obradoiros, grazas a un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña, están funcionando un total de 17, con 370 alumnos, e un orzamento de 3,3 millóns de euros.

30 de abril de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.