publicidade hoxe

Sober vivirá esta fin de semana unha Feira do Viño de Amandi cun programa amplo, variado e para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, convida a participar na XXXIV Feira do Viño de Amandi, que este ano conta cun programa “amplo, variado e para todos os públicos”. O rexedor anima a beber con moderación e volver a Sober para coñecer a súa riqueza paisaxística e patrimonial e para mercar os caldos de Amandi nas adegas espalladas polo municipio.

A feira dará comezo o sábado ás 11:30 horas. Ese día tamén actuará a Banda de Música de Sober, Carlos Núñez ofrecerá un concerto en Cadeiras e pola noite será quenda de Os Festicultores. O domingo coñeceranse as adegas premiadas e o noso gaiteiro máis universal pronunciará o pregón. A verbena da noite correrá a cargo de Los satélites. Será o broche final do Mes do Amandi.

Está previsto que ao longo dos dous días pasen pola Feira do Viño de Amandi milleiros de persoas. Tamén se achegarán á localidade diferentes membros do Goberno galego, entre eles, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, así como varios conselleiros e a delegada da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias.

Consellos para os condutores

Desde o Concello de Sober recoméndanlles a todos os visitantes que empreguen os aparcadoiros habilitados nas entradas á localidade, posto que o centro estará pechado ao tráfico. O rexedor explica que está todo perfectamente sinalizado e só hai que seguir as indicacións correspondentes.

Este ano é o primeiro no que está en funcionamento a Travesía de Belán, que vai permitir desconxestionar o tráfico e facilitar a saída ou a entrada de todos os que queiran acceder desde Canabal cara a Anllo ou Rosende ou aos que queiran saír cara a Monforte ou Ourense a través de Canabal.

11 de abril de 2014 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.