publicidade hoxe

Sober edita un folleto turístico centrado na Ruta do Románico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober vén de editar un folleto turístico no que se recolle información de interese sobre a Ruta do Románico, patrimonio histórico e artístico. A publicación ofrece un mapa no que poden verse algúns destes puntos de interese, como a igrexa de San Xulián de Lobios, a de San Vicente de Pinol, a de Santa María de Bolmente, a de Santa María de Proendos ou a de Santa María de Canaval.

Amais das indicacións oportunas para poder achegarse a cada un destes puntos, o folleto achega información sobre a súa construción e os seus elementos característicos. Inclúese ademais unha imaxe representativa de cada unha delas.

Esta publicación súmase a outra editada recentemente na que se dá conta dos nove miradoiros que ten o Concello de Sober: o do Xábrega, Chancís, A Cividade, O Boqueiriño, Santiorxo, Pena do Castelo, Soutochao, Os Chelos e Cadeiras. Nel ponse a disposición dos usuarios un mapa coa localización dos miradoiros e ofrécense datos relevantes sobre a súa situación e particularidades. Tamén se amosa unha fotografía de cada un deles.

O Concello de Sober tamén editou este ano unha guía coas adegas que forman parte da DO Ribeira Sacra pertencentes á localidade.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que este material promocional contribúe a que todos os que se achegan a Sober poidan visitar o noso románico e os nosos miradoiros, “parte dos nosos tesouros”. Destaca tamén o feito de que Turgalicia veña de incluír un destes miradoiros, o de Santiorxo, no seu anuncio sobre a Comunidade. “Somos coñecedores da importancia do turismo para toda a Ribeira Sacra, polo que o Concello está a implicarse en profundidade co sector”, conclúe o rexedor.

3 de abril de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.