publicidade hoxe

‘Sede de mal’ pecha o venres a primavera teatral de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendario
A-
A+

A edición deste ano da Primavera Teatral de Paiosaco pecharase o venres co espectáculo titulado Sede de mal, protagonizado por dous dos actores máis coñecidos do actual panorama audiovidual galego: Luis Iglesia (Matalobos e Terra de Miranda) e Xabier Deive (Matalobos e Padre Casares).

Nesta comedia, dirixida ao público adulto, os dous intérpretes darán renda solta ao seu lado máis salvaxe e divertido mesturando humor, teatro e música en vivo (con blues e rock and roll “á galega”).

O espectáculo comezará ás 21.00 horas do venres no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco, sendo a entrada libre e gratuíta para todas as persoas empadroadas no Concello da Laracha.

Contacontos infantil

Tamén o venres pecharase outro programa cultural promovido polo Concello da Laracha, neste caso o organizado en conmemoración do Día do Libro.

A compañía pontevedresa Migallas Teatro traerá á Laracha a obra Os contos do chupete, dirixida a bebés de 0 a 3 anos de idade, sendo un espectáculo no que se integran a música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral.

A actuación comezará ás 18.00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha, tamén con entrada libre e gratuíta para todos os veciños empadroados no Concello.

Esta proposta é organizada coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no marco do programa “Ler conta moito”.

23 de abril de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.