publicidade hoxe

Representantes de mocidades europeas de 9 países en visita a Galicia apostan en Val do Dubra pola implicación dos políticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVal do Dubra
A-
A+
Representantes do Proxecto SOS Europa

Representantes do Proxecto SOS Europa

Unha trintena de representantes de mocidade de nove países de Europa de visita en Galicia apostaron hoxe en Val do Dubra pola implicación dos políticos no futuro dos mozos europeos. Foron recibidos na sede do Concello de Val do Dubra polo rexedor, Ramón Varela, e polos alcaldes da Baña, Andrés García Cardeso; de Santa Comba, Antonio Landeira; e de Negreira, Juan Rei Maceira. A trintena de responsables de mocidade participan no proxecto SOS Europa: Campaña pola participación xuvenil nas Eleccións Europeas de 2014, subvencionado pola Axencia Nacional Española do Programa Mocidade en Acción, da Comisión Europa.

Os técnicos en mocidade de nove países, entre os que están os alcaldes de Norbello (Sardeña) e Pagliara (Sicilia), viaxan a Galicia para coñecer as políticas de mocidade. Chegaron onte e estarán até o vindeiro sábado, día 12 de abril. Acudiron hoxe a Val do Dubra responsables de mocidade de Kosice (Eslovaquia), Montpellier (Francia), Vilanova de Gaia (Portugal), Sofía (Bulgaria), Bucarest (Romanía), Berlín (Alemaña), Nuoro (Italia), Brolo-Pagliara (Italia), Londres (Reino Unido) e Val do Dubra (España). A maioría dos participantes son técnicos e expertos en mocidade e responsables na toma de decisións políticas ou presidentes de entidades e organizacións que traballan cos mozos.

Acudiron a Val do Dubra porque este Concello participou no programa Mocidade en Acción. E enviou voluntarios a diferentes países de Europa. O alcalde da localidade, Ramón Varela, mesmo viaxou a Italia o pasado ano para coñecer ‘in situ’ o proxecto. O rexedor de Val do Dubra deu a benvida aos asistentes. Destacou a importancia das políticas Europeas, aínda que non se perciba a súa incidencia. E tamén apostou por políticas que incentiven o protagonismo dos mozos. Lembrou que dos 4.500 habitantes de Val do Dubra, ao redor de 800 son novos. “A maioría están ben formados e teñen estudos universitarios”.

O proxecto no que participan os técnicos que visitaron hoxe Val do Dubra está vinculado ao fomento da participación xuvenil nos comicios europeos do próximo mes de maio, a promoción da cidadanía activa europea e a reflexión sobre a importancia das decisións tomadas no Parlamento Europeo na vida diaria dos cidadáns. Os participantes, que durante esta semana visitarán a Deputación da Coruña e o Parlamento galego, teñen programado unha serie de actividades de concienciación que inclúen mesas redondas e encontros oficiais con responsables políticos. Tamén porán as bases para promover unha campaña destinada aos mozos para promover a súa participación nas próximas eleccións europeas. Os impulsores deste programa confían en que, tras este encontro, xurdan novos proxectos xuvenís.

 

8 de abril de 2014 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.