publicidade hoxe

Preto de 200 inscricións na carreira pedestre de Vimianzo a falta de dous días para finalizar o prazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVimianzo
A-
A+

Ata o mércores día 30 de abril ás 12 da noite continúa aberto o prazo para inscribirse na III Carreira pedestre do Concello de Vimianzo, a segunda das carreiras incluídas o I Circuíto de Carreiras pedestres Correndo pola Costa da Morte, no que participan oito concellos. Para Vimianzo esta é xa a terceira edición dunha proba que asentada entre os atletas, pois moitos son os que repiten pero serán moitas as caras novas dun deporte tan en auxe actualmente entre a sociedade en calquera das franxas de idade.

Poden participar na carreira nenos e nenas a partir dos 3 anos ata a categoría adulta repartidas en categorías do seguinte xeito: pitufo (nados 2007-2010), benxamín (2005-2006), alevín (2003-2004), infantil (2001-2002), cadete (1999-2000), xuvenil (1997-1998), sénior 5K (nacidos de 1996 en diante), sénior 10K (1996 – veteranos), veteranos M40 (40-49 anos) e veteranos M50 (50 anos ou máis). Os primeiros en saír da lina de meta, situada na Praza do Concello, serán os atletas da categoría infantil e cadete, ás 9.45 horas; os seguintes corredores, os xuvenís e sénior 5K sairán ás 10.20; ás 11 será o pistoletazo de saída para os atletas da Sénior 10K, veteranos M40 e M50, e os máis pequenos a partir das 12.15 os alevíns, 12.30 benxamíns e 12.45 os pitufos.

As categorías infantís participan de xeito gratuíto na proba mentres que os sénior e veteranos teñen que realizar o pagamento de 5€, se teñen chip, e 6€, se non o teñen, para poderen participar. As inscricións adultas deben realizarse a través de www.championchipnorte.com, quen se encargará de cronometrar a proba, mentres que as categorías infantís poden inscribirse a través de championchip ou no concello, logo de asinar a correspondente autorización paterna.

Nas categorías pitufo, alevín e benxamín todos os participantes levarán medalla conmemorativa, mentres que nas demais categorías haberá trofeo para os tres primeiros clasificados de cada categoría masculina e feminina e na categoría K10 haberá trofeo para o primeiro clasificado e clasificada empadroada en Vimianzo.

Con este tipo de eventos desde o concello preténdese fomentar entre a sociedade da importancia do deporte para levar unha vida sá, mais tamén a importancia de participar  en actividades grupais, onde se coñece moita xente e se crean lazos de amizade, ao tempo que se aprende da competitividade, sempre vista desde o compañeirismo. Mais non deixan de ser estes eventos deportivos un foco de atracción de xente para Vimianzo, sendo moitos os atletas desde diferentes puntos da xeografía galega, e os amigos e familiares que os acompañan. Unha xente que dá un ambiente diferente á vila de Vimianzo, ambiente que repercute na hostalería local e na promoción do noso patrimonio cultural e paisaxístico.

28 de abril de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.