publicidade hoxe

Os viños de Monterrei continúan o seu proceso de internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterreiOurenseVerín
A-
A+
O director do Igape na D.O. Monterrei

O director do Igape na D.O. Monterrei

Abel Veiga, recentemente incorporado ao equipo de dirección do Igape, realizou onte a súa primeira visita á Denominación de Orixe Monterrei, para manter un encontro co sector e coñecer algunhas das súas adegas.

A xornada daba comezo coa celebración dunha reunión no Salón de Plenos do Concello de Verín, na que Abel Veiga expuxo a nova estrutura organizativa do Igape, as súas bases de funcionamento, principais retos e liñas de acción previstas no horizonte próximo, así como os servizos e frontes de colaboración que prevé establecer co sector do viño, considerado estratéxico polo Igape.

A continuación dábase paso a unha mesa de traballo, con representación de dez adegas da Denominación de Orixe Monterrei, así como do seu presidente, Antonio Anxo Méndez Atanes. Alí os propios implicados trasladaron a casuística que incumbe ao D.O. Monterrei, as súas peculiaridades, fortalezas e debilidades, a fin de poder establecer unha estratexia en materia de comercio exterior, co respaldo dos organismos oficiais.

Froito deste encontro, ábrese unha liña de colaboración na que as adegas da denominación e o Consello Regulador afrontan unha nova etapa para o desenvolvemento do comercio exterior, na que pretenden fixar obxectivos e estratexias para o acceso e implantación en novos mercados, na que cobra especial importancia o compromiso de respaldo manifestado onte polo Igape.

Finalizada a reunión o presidente do D.O. Monterrei acompañou a Abel Veiga nun percorrido que incluíu a visita ás adegas Quinta do Buble e Gargalo, ambos os casos de éxito que gozan xa de representación en mercados internacionais.

10 de abril de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.