publicidade hoxe

Os tres grupos composteláns acordan unha declaración en defensa da planta xudicial de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Os tres grupos políticos con representación no Concello de Santiago -PP, PSOE e BNG- acordaron este martes levar ao próximo pleno unha declaración institucional en defensa da actual planta xudicial de Compostela e contra a eliminación de servizos xudiciais coa desaparición do partido xudicial que propón a nova Lei Orgánica do Poder Xudicial.

Os tres voceiros dos grupos reuníronse en Xunta de Voceiros, na que mostraron a súa posición unánime de “defensa” da planta xudicial coa que actualmente conta Santiago de Compostela.

O alcalde, Ángel Currás, indicou que os tres grupos “comparten” a necesidade de que a “redacción definitiva” da Lei Orgánica do Poder Xudicial que prepara o Goberno central “recolla as peculiaridades de Santiago como capital de Galicia” e que a “nova figura de Tribunal de Instancia non teña unha demarcación provincial, senón que Santiago conte cun Tribunal de Instancia nas mesmas condicións coas que conta na actualidade”.

Así mesmo, Currás pediu que se “teñan en conta” as “peculiaridades” do territorio galego “en función de criterios poboacionais e xeográficos”, relacionados coa dispersión, “así como socioeconómicos”.

COINCIDENCIA DOS GRUPOS

Na mesma liña, o voceiro do BNG local, Rubén Cela, destacou a “coincidencia” que existe nesta posición tanto entre os grupos políticos coma na sociedade, e apuntou que a perda da “actual planta xudicial” sería un “paso atrás de xigante” para Santiago.

“Hai que facer todo o posible para que este proxecto non se materialice tal e como está redactado hoxe”, indicou Rubén Cela, que instou ao “conxunto da cidadanía” a que se “mobilice”.

Pola súa banda, o voceiro local do PSOE, Francisco Reyes, trasladou aos compostelanos unha mensaxe de “tranquilidade”, dado que as tres forzas políticas da casa do concello “están de acordo en defender as necesidades de Santiago” en materia xudicial. Paralelamente, apostou por trasladar os veciños que este é “un problema de todos”.

O Concello de Santiago trasladará este manifesto a institucións e asociacións da cidade para que poidan adherirse se o desexan e tamén á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Xustiza para trasladar a posición do municipio.

22 de abril de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.