publicidade hoxe

Os rexedores de Arzúa, Betanzos, Corcubión, Ordes e Carballo acordan unha moción a favor do mantemento dos partidos xudiciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaBetanzosCarballoCorcubiónLocal PortadaOrdes
A-
A+
Rolda de prensa dos alcaldes en Carballo

Rolda de prensa dos alcaldes en Carballo

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza á que estaban convocados todos os alcaldes dos municipios da provincia da Coruña que contan con partido xudicial (Corcubión, Ordes, Betanzos, Ortigueira, Arzúa, Muros, Negreira, Noia, Padrón e Ribeira -coa excepción dos das grandes cidades, Ferrol, Santiago e A Coruña-) e que se ven afectados polas medidas que propón o anteproxecto de lei do poder xudicial impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que implican a supresión de todos os partidos xudiciais da provincia a excepción do existente na capital coruñesa.

Finalmente, asistiron Francisco Javier Lema, de Corcubión; José Luís García, de Arzúa; Ramón García Vázquez, de Betanzos; Manuel Regos, de Ordes; e Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, como anfitrión. Entre todos, acordaron a elaboración dun manifesto e unha moción compartida para reclamar o mantemento dos partidos xudiciais da provincia, repectando as especiais características de Galicia en materia de dispersión xeográfica e mobilidade que consideran que ignora o anteproxecto. O texto remitirase aos concellos da Coruña que contan con partido xudicial co obxecto de que a moción sexa aprobada nos plenos e se implique así a todos os veciños de veciñas, xa que “os afectados e afectadas son todo o conxunto da cidadanía”, segunda subliña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Así mesmo, o Alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, destaca o feito de que o anteproxecto de lei afecta “non só aos concellos, senón a todos os veciños e veciñas”. Lema subliña que unha vez se supriman os xulgados da provincia, os cidadáns de Corcubión e doutras vilas da contorna “deberán percorrer arredor de 100 quilómetros de ida e outros tantos de volta” para poder realizar xestións xudiciais, xa que o servizo máis próximo estará na Coruña. Á súa vez, Evencio Ferrero quixo subliñar que esta situación “non é de ideoloxías, xa que é un problema dos cidadáns” porque “o criterio provincialista non satisfai as particularidades de Galicia”. Nesta idea afondou tamén Ramón García, Alcalde de Betanzos, que explica que este anteproxecto de lei “non só afecta ás cabeceiras comarcais” xa que é “un cambio cuantitativo de consecuencias incalculables” que repercutirá en toda a poboación. Tamén quixo lembrar as perdas de postos de traballo en lugares coma Betanzos, con 48 empregados en catro xulgados que xestionan ata 8.764 causas. Os alcaldes dos municipios afectados esperan manter unha nova xuntanza e ultimar a moción para que finalmente sexa subscrita polos concellos afectados e se loite polo obxectivo de que se manteñan os partidos xudiciais da provincia.

22 de abril de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.