publicidade hoxe

Os familiares do mozo falecido en Pontedeume insisten en que se podía salvar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontedeumeSucesos
A-
A+
Europa Press

A irmá de Fernando Sánchez Grandal, o menor de 17 anos falecido tras recibir unha lesión mortal, cun coitelo, polo propietario dunha vivenda de Pontedeume (A Coruña), na que entrou de madrugada o 10 de xullo de 2011, insistiu en que o seu irmán “se podía salvar chamando a emerxencias”.

Antes do inicio do xuízo, que prosegue este mércores na Audiencia da Coruña coa declaración dos peritos, Rocío Sánchez dixo que o seu irmán “que non tiña voz, a ten agora”. “Dámoslla nós”, manifestou.

Ademais, criticou as declaracións dos acusados, que sosteñen que o mozo entrou de madrugada na súa vivenda e que colleron o coitelo para defenderse, xa que, ao seu xuízo, “non están a dicir a verdade”.

“Morreu desangrado detrás dun muro”, sentenciou antes de comezar a terceira sesión desta vista, con xurado popular, contra José Agustín F.C., de 68 anos, e a súa muller, Carmen F.G, de 67 anos, para os que se piden penas de 20 anos de prisión por un delito de asasinato.

A defensa e a Fiscalía reclaman, pola contra, a absolución xa que aplican as eximentes de “medo insuperable” e “lexítima defensa” nuns feitos que consideran homicidio.

ASISTENCIA MÉDICA

En declaracións aos xornalistas, o avogado do pai do menor, Jesús Porta, considerou “evidente” que os acusados “non chamaron o 061 ou o 112”.

“Podíase salvar ou non”, indicou o letrado para quen se debía alertar antes aos servizos de urxencia. Ademais, argumentou que os feitos foron “un ataque” por parte dos acusados.

Mentres, o letrado da defensa, José Luis Gutiérrez Aranguren, manifestou que “mal pódese prestar asistencia a alguén que escapa e non se sabe onde está e en qué estado está”, dixo ao reiterar que os seus clientes non sabían da gravidade da lesión que ocasionou a morte ao menor. Tamén cualificou o sucedido como “unha desgracia”.

9 de abril de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.