publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os bombeiros galegos recibirán un curso de control de extinción de incendios urbanos e de interiores

A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá a partir de mañá, 28 de abril, un curso de control e extinción de incendios urbanos e de interiores dirixido a bombeiros dos distintos parques de Galicia.

O obxectivo do curso e que estes profesionais adquiran coñecementos sobre técnicas e procedementos de actuación e as destrezas para a extinción deste tipo de incendios, baixo as máis estritas normas de seguridade. Para iso contarán con 25 horas de contidos prácticos repartidos en tres días, de luns a mércores, en horario de mañá e tarde.

O curso constará de dous módulos: operacións de salvamento e control e extinción de incendios. No primeiro, estudarase o manexo dos equipos de intervención e se practicará o uso de distintas autobombas: de salvamento, especiais, auxiliares e de remolque.

No segundo módulo faranse prácticas de explosión de po nun simulador e intervencións en vivendas unifamiliares, almacéns, edificios residenciais e sotos. Ademais farase unha práctica de control dun posible flashover e un simulacro nun edificio de gran altura.

En total, participarán dezaseis bombeiros pertencentes aos parques de Barreiros, Cee, Monforte, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Verín, Vigo, Vilalba, Vilagarcía e Viveiro. As actividades realizaranse no Centro de Formación Integral de Emerxencias de Seganosa, en Salvaterra do Miño.

Este curso é o primeiro dunha serie de cinco cursos que se convocaron este ano para bombeiros e nos que tamén se abordarán os incidentes con mercadorías perigosas, o control e extinción de incendios industriais, rescate en espazos en altura e dirección e control para mandos dos corpos de bombeiros.

27 de abril de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.