publicidade hoxe

Ocupación de bens afectados polas obras de estabilización dun noiro na estrada AC-162 (Sada-Bergondo)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoLocal PortadaSada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto que dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de estabilización dun noiro na estrada AC-162 (Sada-Bergondo), no punto quilométrico 0+600, e cun importe que ascende aos 4.081 euros.

Deste xeito poderanse expropiar os terreos necesarios para executar os traballos que estabilizarán o noiro desta estrada, mediante a construción de muros de coieira, camiños de obra e a substitución do firme; ademais de efectuar os posteriores labores de mantemento e conservación do mesmo.

En xaneiro de 2013 produciuse un desprendemento no terraplén dun noiro existente na marxe esquerda desta estrada. A causa foron as intensas choivas caídas en días anteriores e a rotura dunha tubaxe de abastecemento de auga do Concello de Sada instalada baixo a beirarrúa.

Como consecuencia, esta situación obriga a unha inmediata execución das obras e unha urxente ocupación dos bens para resolver así os problemas de seguridade viaria e de estabilidade na zona da AC-162.

Solución proposta

A estabilización do noiro executarase mediante a construción de tres muros de coieira, e debido ao estado en que quedou a vía despois do desprendemento, na actuación procederase tamén a substituír o firme completo nunha lonxitude de 40 metros.

Para o desenvolvemento destes traballos, que beneficiará unha poboación total de máis de 15.000 habitantes do Concello de Sada, a Xunta de Galicia investirá un total de 200.000 euros

O pasado 25 de marzo, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández reiterou o compromiso do seu departamento de iniciar en verán estas obras que ofrecerán unha solución segura para automobilistas e peóns.

4 de abril de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.