publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O rexedor de Vilar de Santos solicita comparecer no Parlamento pola indebida facturación eléctrica de Gas Natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaVilar de Santos
A-
A+
O alcalde de Vilar de Santos presenta escrito no Parlamento

O alcalde de Vilar de Santos presenta escrito no Parlamento

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón pediu hoxe na solicitude que realizou no rexistro do Parlamento de Galicia a comparecencia voluntaria en Comisión para explicar a situación de indefensión dos concellos galegos diante das empresas subministradores eléctricas.

Acompañouno o candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López. Ao acto tamén acudiron a Coordinadora Territorial da Coruña e concelleira en Muros, María Xosé Alfonso, e o tamén concelleiro de Vilar de Santos, Aldo Fernández.

Xan Jardón lembra que trala denuncia efectuada polo seu concello por irregularidades en materia de consumo, Gas Natural recoñece a sobrefacturación procedendo á devolución do último ano, “mais o que demandamos con firmeza é que nos devolva ata o último céntimo dos 58.202 € dos últimos cinco anos”.

Neste sentido Jardón pediu de igual xeito ao Parlamento de Galicia unha investigación para corroborar “o que xa está constatado polos concellos”, que é a facturación incorrecta, ademais de que se require á Comisión Nacional de Enerxía a súa posición ao respecto e se comprobe se as teses defendidas por este organismo son correctas e acordes coa lexislación vixente. De igual xeito o escrito presentado recolle a demanda ao Parlamento de Galicia da defensa dos intereses de concellos e consumidores galegos, e require á Xunta que actúe “no prazo máis breve posible”, e faga unha mostraxe xeral sobre a facturación das compañías subministradoras de enerxía eléctrica e adopte as medidas que procedan.

Pola súa banda, o candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López, aposta pola defensa dos dereitos dunha cidadanía “en situación de indefensión diante da estafa das eléctricas” e que o que aconteceu e está a acontecer na sobrefacturación aos concellos por parte de Gas Natural Fenosa, “é un auténtico atraco a man armada que mesmo xa admitiu a empresa”. Neste sentido, López aposta por esgotar todas as vías políticas, administrativas e xudiciais, “e chegando mesmamente ao Tribunal de Estrasburgo se fai falta para que se devolvan ata o último céntimo”. De igual xeito, o galeguista apostou por recoller no programa electoral de Compromiso por Galicia a creación dunha nova directiva europea que promova un marco onde se garantan os dereitos dos usuarios e que “impida casos de abuso como os que estamos a vivir”. Ademais López fixo fincapé na necesidade de crear unha oficina especializada en Galicia, “que preste información e cobertura xurídica a particulares e concellos no ámbito da tarificación eléctrica e que axilice os trámites para solicitar devolucións ou proceder a denuncias”.

 

2 de abril de 2014 | 15:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.