publicidade hoxe

O Mosteiro de Caaveiro recibiu preto de 3.000 visitantes na Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Mosteiro de Caaveiro recibiu 2.847 visitas durante a Semana Santa, o que supón un 80,7% máis de visitantes que o ano anterior, a falta aínda de que se contabilicen as cifras de hoxe, cando aínda está activo o servizo de autobuses que pon en marcha a Deputación da Coruña durante estas datas.

Trátase dun destacado aumento respecto dos anos anteriores, 1.575 en 2013 e 1.771 en 2012. Este incremento, ademais de polo servizo que ofrece a institución provincial, pode ter a súa razón de ser tamén no bo tempo do que se gozou nestas datas e que invitou aos veciños a coñecer este entorno natural, un paraíso máxico na primavera.

Ademais, hai que ter en conta que o traslado de persoas en autobús estivo en activo xa dende o sábado 12, e que conecta o Centro de Interpretación das Fragas do Eume co Mosteiro de Caaveiro nunhas datas na que se restrinxe a entrada de vehículos particulares ao parque natural.  

Á falta de que se sumen as visitas de hoxe, a xornada de máis éxito foi a do venres 18, cando se acadou a cifra de 610 persoas. Deles, 130 acudiron ás visitas guiadas organizadas pola Deputación e outras 480 acudiron por libre. Séguelle de preto o xoves 17 con 605 turistas, dos que 135 solicitaron o servizo de guía.

Moitas das persoas que se achegaron ao mosteiro optaron polo seu coñecemento por libre, aínda que a Deputación contratou o servizo dun guía especializado no monumento. Así, das 2.847 visitas, 2.125 acudiron por libre e 722 persoas optaron por asistir acompañados dun guía.

21 de abril de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.