publicidade hoxe

O mercado do mel e a artesanía centran a XXVI Feira Apícola das Rías Baixas que se celebra no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Porriño
A-
A+

En plena época primaveral, a vila do Louro acolle, como vén sendo xa habitual no último cuarto de século, a Feira Apícola das Rías Baixas, que nesta ocasión chega xa a súa vixésimo sexta edición coa continuidade da súa Bee Happy Market e as tradicionais xornadas técnicas.

O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Comercio e Industria Marcelino Coto presentaron esta mañá o evento acompañados de Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, e Luís Fraga, secretario da Asociación de Apicultores de Pontevedra.

Será durante este fin de semana, 26 e 27 de abril, cando se celebren en Porriño múltiples actividades con tal motivo, dirixidas xa non só aos profesionais do sector, senón ao público en xeral. Precisamente a esta cuestión fixo referencia Coto quen lembrou como “a feira empezou sendo unicamente para profesionais e nas últimas edicións abriuse máis a todos os cidadáns, como un evento cultural e festivo, ademais de formativo”, facendo referencia á celebración da feira de artesanía Bee Happy Market, catas, talleres e sesións didácticas en colexios. Así, como preludio da feira, na mañá do venres o Consello Regulador Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia achegarán ao alumnado do CEIP Fernández López o mundo da apicultura e todos os beneficios que achegan as abellas, ensinándolles o proceso de elaboración do mel, a súa procedencia e as ferramentas coas que traballa o apicultor para chegar ao produto final, facéndolles partícipes ademais dunha degustación comentada.

O rexedor local agradecía á organización que “seguise apostando por Porriño para acoller un ano máis esta feira que promociona un produto galego singular e puro”, convidando a todos os veciños a participar dun evento que se converteu en “dinamizador da hostalaría e do comercio local”. Por iso, desde o Concello expresaron o seu compromiso de continuar apoiando esta feira para o que non se recortou a partida destinada a tal fin.

Ademais de repetirse as tradicionais xornadas técnicas e o Bee Happy Market, desde a organización téntase mellorar e innovar en cada edición, e así, unha das novidades deste ano, segundo apuntaba Órdoñez é a instalación dun posto de xeados, “no que se ofrecerán todos os sabores acompañados de noces e bo chorro de Mel de Galicia”. A presidenta de Mel de Galicia convidou a veciños e visitantes a acudir este fin de semana a Porriño e participar da Feira Apícola “devolvéndonos así aos apicultores o beneficio da polinización na nosa contorna máis próxima”.

Bee Happy Market e cata de mel

Por segundo ano consecutivo celébrase o Bee Happy Market, un doce mercado de artesanía DIY (faino ti mesmo) e Mel de Galicia, con outros ricos produtos artesanais, no que ademais se engloban múltiples actividades e talleres de lecer para todos os públicos, sobre todo para os máis pequenos da casa que aprenderán e gozarán con diversas actividades con motivos apícolas.

Trátase dun mercado de talento galego que aposta por dar a coñecer o traballo de artesáns, dándolles a oportunidade de expor as súas creacións de moda, bixutaría, bonecos, ilustración, obxectos de decoración… e un amplo abanico de produtos relacionados co mundo da apicultura que o público poderá apreciar e adquirir. Nel, por suposto, tamén teñen cabida os artesáns gastronómicos que fan auténticas obras de arte cos produtos autóctonos da terra e do mar: conservas, doces, marmeladas… O horario de apertura das casetas, que estarán instalados na praza Arquitecto Antonio Palacios, é de 10.30 a 20.00 horas o sábado e de 11.00 a 20.00 horas o domingo.

O sábado, ás 18.30 horas, celebrarase ademais unha cata de mel. Será unha oportunidade, gratuíta e aberta a todos os públicos, para descubrir os matices do mel a través da degustación de diferentes monoflorais pertencentes á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Xornadas técnicas

Será o domingo cando se celebren as xornadas técnicas no centro cultural municipal, sendo ás 11.45 horas o acto oficial de inauguración. No entanto, o programa iniciarase ás 10.15 horas cun relatorio sobre a produción primaria do mel a cargo de José Manuel Fernández, xefe do Servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias de Pontevedra da Consellería do Medio Rural e do Mar. Ás 11.00 horas Jesús Javier Orellas, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural e do Mar, falará do programa de vixilancia e control fronte á Vespa velutina en Galicia. Ás 12.00 horas, tras a inauguración das xornadas por parte das autoridades, a veterinaria Encarna Garrido disertará sobre a enfermidade da nosemosis, os seus síntomas, tipos e alternativas terapéuticas. E ás 13.00 horas, representantes das distintas asociacións de Galicia e de Portugal protagonizarán unha mesa redonda acerca das problemáticas na apicultura actual.

Pola tarde, e a modo de clausura, como cada ano, está programada a Asemblea e as actividades do ano 2014 da Asociación de Apicultores de Pontevedra.

22 de abril de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.