publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O investimento necesario para reparar as pallozas do Piornedo ascendería a 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesGaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia valora en preto de 100.000 euros o investimento necesario para reparar as pallozas dos veciños e veciñas do Piornedo, no Concello de Cervantes, que presentan danos de diversa consideración despois da sucesión de temporais do último inverno.

As pallozas dos particulares foron revisadas e informadas hai preto dun mes por técnicos das consellería de Cultura e Medio Ambiente, que concluíron que será preciso renovar un total de 400 metros cadrados de cuberta nas 16 pallozas particulares existentes no núcleo.

A Xunta de Galicia considera indispensable asegurar a conservación deste ben singular para o patrimonio da provincia, que é ademais un atractivo turístico de primeira magnitude para o concello. Así mesmo, estima necesario acometer a promoción turística da comarca e da provincia en xeral en coordinación con outras administracións, para evitar duplicidade de funcións e optimizar os recursos públicos.

En base a estes argumentos, Turismo de Galicia propuxo á Deputación de Lugo un convenio para a rehabilitación das pallozas e o desenvolvemento de actuacións de promoción turística na provincia, que estarían por determinar á espera de que o ente provincial concrete a súa colaboración.

Colaboración entre institucións

A Xunta de Galicia sempre avogou por unha actuación coordinada para intervir nas pallozas do Piornedo, na que participaran todas as administracións con competencias sobre o territorio así como os veciños e veciñas donos das construcións, declaradas Bens de Interese Cultural.

Ao respecto, cabe lembrar que as competencias exclusivas do Goberno galego en materia de patrimonio cultural de interese para Galicia tradúcense en funcións de ordenación (lexislación) e de control, pero compete a todas as administracións a protección e fomento do citado patrimonio. Así mesmo, os propietarios dos bens teñen a obriga de conservalos e coidalos.

Turismo de Galicia ofrece unha achega de 100.000 euros para asumir o custo da actuación de rehabilitación das pallozas, e deixa aberta a participación da Deputación Provincial, aínda que en principio propón unha contía semellante.

A proposta foi exposta ao deputado de Cultura, Mario Outeiro, nunha xuntanza mantida a principios deste mes a instancias da delegada territorial, Raquel Arias, no marco da ronda de consultas que esta realizou coas distintas partes dende que tivo coñecemento do problema.

Neste sentido, cabe lembrar que a delegada xa se reunira no mes de xaneiro co alcalde de Cervantes e cos veciños e veciñas en sendas xuntanzas; paralelamente, dende a Xunta realizáronse as xestións precisas ao tempo que se avanzaba na valoración técnica dos traballos, mentres se agardaba a que a Deputación fixara a data para a reunión solicitada.

Finalmente, a principios de abril tivo lugar a xuntanza na que Raquel Arias e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puideron entregar o borrador do convenio a un representante da Deputación.

Neste momento estase a espera dunha resposta definitiva por parte da institución provincial, tendo en conta que os traballos de reparación das cubertas das pallozas teñen uns tempos definidos pola dispoñibilidade do material. A palla dos teitos debe ser encargada nas próximas semanas e as obras deberían realizarse no verán.

24 de abril de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.