publicidade hoxe

O I Festival Carballo InterPlay transformará a localidade nun lugar de debate sobre o audiovisual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal Portada
A-
A+
Presentación da Carballo InterPlay

Presentación da Carballo InterPlay

Quedan menos de 10 días para que Carballo se transforme nun espazo de debate para os creadores do audiovisual e no centro neurálxico para o sector das webseries de toda España. Ocorrerá durante o I Festival Carballo InterPlay (CIP), o primeiro festival de webseries que se celebra no estado e que ocupará o Pazo da Cultura e o Fórum Carballo do 24 ao 27 de abril. Durante catro días o Pazo da Cultura será o escenario no que se proxectarán as 35 webseries que participan na sección oficial, escollidas entre unha escolma de 104 presentadas, mais no Fórum Carballo haberá espazo para actividades paralelas como unha mesa redonda, unha masterclass, a presenza de Xosé Touriñán que exporá as súas referencias audiovisuais ou incluso dúas sesións vermú con djs. A programación complétase con dous concertos na Sala Dublín o venres 25 e o sábado 26 de abril. Ademais, o festival acolle a presentación da webserie realizada en Carballo durante un obradoiro celebrado nas fins de semana de marzo no que participaron 20 mozos e mozas baixo a supervisión de Javi Camino, de Magnetova Material. Entre todos crearon “Toñito, ti es especial”, que poderá verse o xoves 24. O Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, quixo subliñar que o sector audiovisual “é un sector económico máis que hai que ter en conta” e desexou que o festival acabe tendo “continuidade no tempo”. Durante a presentación da cita, na que tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e as responsables da organización Sandra Lesta, Sonia Méndez e María Yáñez, subliñouse que o festival non pretende só “premiar ás mellores webseries”, en verbas de Sonia Méndez, senón tamén “crear un espazo de debate” no que creadores e público realicen intercambios de impresións e se avance tamén no labor de “dar a coñecer as webseries ao público”. Méndez quixo subliñar que, dende que se presentou o festival, xa a primeiros de febreiro de 2014, teñen recibido “moitas mostras de apoio de compañeiros e compañeiras do audiovisual”, polo que tan só queda “agardar que haxa bastante poder de convocatoria para que a xente se achegue ao festival”. Sandra Lesta quixo lembrar a importancia das actividades paralelas no festival, con citas como son Código Fonte Audiovisual coa presenza do coñecido actor e humorista Xosé Touriñán; dous concertos o venres 25 de abril na sala Dublín con grupos carballeses e o sábado 26 con Unicornibot e Calixta; a Master Class: Branded content o sábado 26 de abril; a Mesa Redonda: novas narrativas audiovisuais na web o venres 25 de abril; a presentación da webserie “Dos más dos cinco”; o Freaklances Project que emite, produce e distribúe webseries; ou incluso un vermú con CREA, un encontro informal entre directores de webseries; e a estrea internacional cun capítulo da webserie “Malviviendo”, creada polos padriños do festival, David Sainz e Teresa Segura.

María Yáñez quixo destacar que as actividades paralelas “pretenden afondar no novo espazo que supón Internet dentro do mundo audiovisual”, e reflexionar sobre os cambios que supón a Rede para este sector. Subliñou especialmente a actividade con Xosé Touriñán, na que o actor e humorista porá en común “os vídeos que están no seu ADN”, aquelas referencias audiovisuais coas que se sinte máis identificado, facendo fincapé “na noción de Galicia que podemos extraer a través dos vídeos que se atopan en Yotube”, en verbas de Yáñez. Durante a presentación, tamén se deron a coñecer os premios do festival, xa que ademais da dotación económica, con 5.200 euros en distintas categorías, os galardoados recibirán unha obra plástica única e orixinal realizada polo artista galego David Méndez Alonso. O festival premiará ás mellores webseries, mais tamén haberá premios á mellor actriz e ao mellor actor, ademais dun Premio do Público e un premio ao mellor guión patrocinado pola AGAG (Asociación Galega de Guionistas). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou “o interesante proceso de maduración e creación” que ten seguido a organización do festival dende o seu comezo, e manifestou que para o Concello é “unha satisfacción” comprobar a repercusión que xa está tendo a cita, con más de cen propostas para a sección oficial. Ferrero subliñou que o audiovisual e as webseries en concreto, son un sector e un formato “polos que tamén se debe apostar” e desexa que este I Festival Carballo InterPlay “sexa o primeiro paso dun camiño moi longo”.

14 de abril de 2014 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.