publicidade hoxe

O goberno galego autoriza un investimento de 623.000 euros para construír a nova depuradora de Tállara, en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousame
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o financiamento por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, para a realización da obra de saneamento e depuración no lugar de Tállara, no concello coruñés de Lousame.

Esta actuación contará cun investimento de máis de 623.000 euros, cun prazo de execución de oito meses dende que empecen as obras. O contrato incluirá tamén 12 meses de explotación en fase de probas por parte da empresa, antes da súa entrega ao concello.

O proxecto define e valora as actuacións necesarias para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) neste municipio con capacidade para prestar servizo a 800 habitantes. Proxéctase tamén a demolición da depuradora actual e a execución dun colector que levará as augas residuais de Tállara á nova EDAR.

A nova infraestrutura contará con liña de auga que constará de debaste groxo e fino, tratamento primario, bombeo de paso a tratamento secundario, biolóxico de leito bacteriano e dixestor anaeróbico con recirculación a bombeo. Moverá un caudal medio de 2,2 litros/segundo e un máximo de 5,27 l/s. A liña de lodos consistirá no espesamento por gravidade. A vertedura da auga depurada farase ao río Tállara, que desemboca ao fondo da ría de Noia, polo a súa mellora ambiental repercutirá positivamente no estado ecolóxico da ría.

Actualmente, a EDAR de Tállara, executada a principios dos anos 90, está obsoleta e non chega a cubrir as necesidades actuais, co que a vertedura ten un impacto significativo na calidade da auga do río.

Antecedentes

Esta obra está declarada de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2000, do 4 de novembro de augas de Galicia, posto que as ditas actuacións están recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

O proxecto foi elaborado pola Administración hidráulica de Galicia e foi supervisado pola Área de Programación e Seguimento de Augas de Galicia, no que se reflicten, entre outros aspectos, a xustificación da necesidade de actuación e as características da obra.

Estas accións que se van levar a cabo non necesitaron someter o proxecto a tramitación ambiental. Pola súa banda, o Concello de Lousame ten que aprobar o proxecto; achegar os terreos e a auga necesarios para levar a cabo as obras; e, tamén, deberá asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, ademais de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución.

O documento xa foi exposto ao trámite de información pública durante un prazo de 30 días e nese tempo non se recibiron alegacións ou reclamacións ao proxecto. Ademais, o documento é compatible co planeamento urbanístico vixente.

16 de abril de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.