publicidade hoxe

O goberno de Lugo propón facer 53 obras na cidade e na zona rural cun investimento de 3,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

O Goberno local entregoulle hoxe ó Partido Popular a relación de obras que se propón levar a cabo este ano tanto na cidade como na zona rural, que suman un investimento total de 3,5 millóns de euros e que figuran na segunda fase do Plan de investimentos que ten previsto executar este ano a Administración municipal aproveitando os aforros económicos dos que dispón o Concello de Lugo.

O Alcalde, José López Orozco, salientou esta mañá, en declaracións ós medios de comunicación, que o obxectivo do Goberno é negociar estes investimentos, porque se trata de actuar en beneficio de Lugo e dos lucenses e de xenerar emprego na cidade, aproveitando os recursos económicos dos que dispón o Concello.

O Alcalde preguntouse se tamén ten esa vocación de favorecer á cidade e á zona rural o Partido Popular, visto que Jaime Castiñeira non ten tempo para falar co Goberno ata o vindeiro xoves e non deixa de poñer excusas de todo tipo, mesmo que na primeira fase do Plan de investimentos municipal, rexeitado polo PP e o BNG, figure unha partida económica para comprar bolardos cos que repoñer os que están rotos.

Ademais, López Orozco destacou que o Partido Popular ten todo o acceso a información do Concello e, no referido á información da economía municipal dispón da mesma información que o propio Alcalde.

E, por se ó Partido Popular non lle abonda coa información da xa que dispón, o Alcalde revelou que lle ten dado instruccións á Tesoureira municipal para que lles subministre cantos datos e explicacións precisen sobre a boa situación económica do Concello de Lugo.

42 obras na cidade e 11 no rural

Para a zona urbana, a relación de investimentos previstos polo Goberno local inclúe un total de 42 obras de pavimentación e alumeado, cun investimento de case 2,5 millóns, e na zona rural prevese o asfaltado de máis de 15 kilómetros de pistas, cun presuposto total que se achega a 1 millón de euros.

No listado de obras previstas para o casco urbano figuran 38 obras de pavimentación noutras tantas rúas da cidade, por un importe total de 2,3 millóns de euros, que se financiarían exclusivamente con fondos municipais procedentes do remantente económico que ten aforrado o Concello. Outros catro proxectos de obras executaríanse con cargo a subvencións procedentes doutras administracións ás que se engadiría unha achega municipal de 119.983 euros. 

Entre as obras que ten proxectado acometer o Goberno local con cargo a este Plan de investimentos figuran a pavimentación das Rondas da Muralla e do Carme,  así como de distintas rúas do polígono do Ceao e das rúas Marina Española, Mar Cantábrico, e Camiño Romai, entre outras, e melloras nos alumeados de Recatelo e do contorno do Anxo Carro.

Contrato da ORA

O Alcalde tamén anunciou, en resposta a preguntas dos xornalistas, que o Concello xa dispón de dous dos tres técnicos necesarios para constituir o Comité de expertos en cumprimento da sentenza sobre o sistema ORA ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Alcalde detallou que dous dos tres técnicos serán nomeados pola Dirección Xeral de Tráfico e está pendente a resposta dun terceiro. Para o nomeamento deste último experto en tráfico, fixéronse numerosas xestións con distintos concellos de Galicia e de fóra da nosa comunidade, entre municipios nos que non preste servizo ningunha das empresas que optaron en Lugo á prestación do servizo da ORA.

 

22 de abril de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.