publicidade hoxe

O Concello de Negreira percibirá 192.000 euros da Deputación para a nova praza na rúa Teresa Fabeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNegreira
A-
A+
O Concello de Negreira contará cunha praza duns 8.000 metros cadrados grazas a unha achega da Deputación de 192.000 euros, que financiará así o 80% do proxecto. En total, o custo total da actuación ascende a 239.999 euros.

Esta nova construción suporá un importante revulsivo para a calidade de vida dos veciños do entorno, así como de todo o concello, xa que incluirá, ademais dun parque infantil, unha ampla superficie para o esparexemento e o lecer. O obxectivo do Concello é celebrar nesta nova área feiras, actividades deportivas, infantís e toda clase de eventos que teñan lugar na localidade.

“Negreira a partir de agora xa terá un lugar no que celebrar as súas festas”, declarou hoxe o alcalde Juan José Rey Varela, durante a firma do convenio co presidente da Deputación, Diego Calvo. O rexedor agradeceu a contribución da institución provincial para o que será o primeiro espazo destas características do Concello.

Obras

A nova praza construirase no polígono das Brañas, xunto á rúa Teresa Fabeiro, e na súa ordenación diferenciaranse dúas zonas: por unha banda, o parque infantil, e por outra, un espazo polivalente pavimentado para diferentes funcións. Ademais, ao redor se pavimentarán sendas para pasear.

Os traballos incluirán a adecuación da parcela, as canalizacións, así como a construción de beirarrúas e zonas axardinadas, ademais de todo o mobiliario urbano que sexa preciso e o alumeado público. 

2 de abril de 2014 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.