O Carballiño consolídase, un ano máis, como destino turístico de Semana Santa
Os restaurantes do Carballiño rexistraron un gran movemento de clientes durante esta pasada semana santa, rozando en moitos casos o cheo completo tanto en ceas como en comidas, e destacando que a procedencia dos comensais era, maioritariamente de fóra do Carballiño. A área de Turismo analizou estes datos, concluíndo que fora unha boa Semana Santa e, comparando con anos anteriores, moito mellor no que afluencia de turistas refírese.
Tamén destacan desde a área de Turismo que os visitantes destas datas son na súa maioría da comunidade autónoma galega, sobre todo das Rías Baixas e da Coruña, cualificándoos como de turismo familiar, que veñen pasar o día ao Carballiño atraídos pola programación relixiosa e cultural, así como pola oferta gastronómica.
Tamén se rexistraron moitos visitantes de fóra de Galicia, principalmente do País Vasco, Madrid e Andalucía, e como curiosidade tamén houbo turistas de Murcia e Segovia, en grupos moito máis reducidos que os anteriores.
Sobre as datas de maior movemento na hostalaría local, destacaron que principalmente os mellores días foron desde metade de semana até o domingo, coincidindo cos días festivos e a melloría do tempo (algo tamén moi importante para este tipo de turismo).
No que se refire aos aloxamentos hoteleiros, moitos dos hostais da vila pechan durante a Semana Santa, pero algúns dos que estiveron abertos rozaron o 70% de ocupación, como foi o caso do Aparta Hotel Arenteiro, ou o 100% nas pallozas do cámping municipal.
A responsable de Turismo, Pilar Caride, sinalaba, á vista dos datos solicitados, que “estamos a traballar un unha boa liña, apostando nestas datas por un turismo familiar, de estancias curtas pero de moita rotación. E apoiando iniciativas como a da confraría da Beira Cruz, que este ano foi un atractivo extra para atraer a moitos visitantes”.
Cabe sinalar neste sentido que actividades como a procesión do venres Santo reuniu no Carballiño a miles de persoas, sendo unha das máis multitudinarias da provincia. Tamén as exposicións de filatelia e das Cruces de Castelao, atraeron a moitos visitantes até o templo da Veracruz, onde estaban instaladas.