publicidade hoxe

O alcade de Vigo acusa o BNG de usar a cidade como “terreo de confrontación” da disputa política con Beiras e IU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este mércores o BNG de usar a cidade como “terreo de confrontación” na súa disputa política “con Beiras e con IU”, e criticou os “argumentos mentireiros” que emprega o grupo municipal nacionalistas na súa tarefa de oposición.

Nunha rolda de prensa, o rexedor cargou contra os seus exsocios de goberno, nesta ocasión polas súas críticas á inclusión dunha partida de 700.000 euros para bolsas de inglés. Os nacionalistas sinalaron que hai outras prioridades que atender, e que non é certo que as bolsas sexan para fillos de traballadores, xa que non seguen un criterio de renda.

En resposta, Caballero acusou as argumentacións do BNG de “mentireiras” e “falaces”. Así, precisou que o programa de bolsas de inglés si ten criterios económicos para beneficiar aos alumnos con menos recursos, e engadiu que o goberno municipal tamén atende outras prioridades dos estudantes vigueses.

Segundo recordou, “nestes momentos non hai nin un só neno en lista de espera” para gozar de bolsas de comedor, e puntualizou que, cando o BNG levaba a área de asuntos sociais no goberno local, si había unha “longa lista de espera”. “As bolsas de comedor cóbrense con case dous millóns de euros, e ademais, temos 700.000 euros para bolsas de inglés”, subliñou.

Abel Caballero acusou o BNG de “mentir” para “xustificar que a súa posición política está dirixida polos seus xefes dende Santiago, en función da disputa política con Beiras e con IU”. “Elixiron Vigo como terreo de confrontación. Pero non lle imos permitir que dane a cidade”, sentenciou o rexedor.

16 de abril de 2014 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.