publicidade hoxe

Nova edición do Xantar Solidario en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

Máis de duascentas persoas déronse cita este pasado domingo no local social da S.C.R.D. San Mamede de Laraxe para participar no Xantar Soidario que organizou o Concello de Cabanas e co que se reuniron fondos para a Cociña Económica de Ferrol e os Servizos Sociais do propio concello. O Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, amosábase moi satisfeito da gran acollida que tivo esta iniciativa que se levaba a cabo por terceira vez.

Ó finalizar o acto, o edil cabanés quixo dirixir unhas verbas as persoas que alí se xuntaron para agradecerlles a todos este acto soidario, que servirá para poder axudar un pouco a aquelas persoas que se atopan nunha situación complicada nestes tempos que se están a vivir. A idea da corporación local é a de consolidar en próximos anos este evento agardando que a situación mellore nun futuro próximo non xa só para os veciños e veciñas de Cabanas senón tamén de toda Galicia e España.

O Alcalde tivo tamén un agradecemento para as distintas asociacións e clubes locais que se involucraron, como foron as Mulleres de Cabanas Rural, a A.D.C. Poceira Sport, o KDM Cabanas, a A.VV. de Santa Cruz, a Asociación Cabanas Irís e por suposto a S.C.R. D. San Mamede de Laraxe quen foi ademais quen cedeu o espazo para que o acto se levase a cabo. Castrillón fixo unha especial mención a esta colaboración das diferentes asociacións veciñais, que fixo posible levar a cabo o Xantar Soidario, lembrando que moitas veces a unión faise indispensable para poder chegar a metas maiores. Do mesmo xeito agradeceu a colaboración de empresas como Meigas Fóra ou Catering Ferrolterra que axudaron na organización.

Tras estas palabras, Germán Castrillón fíxolle entrega a Antonio Tostado, Presidente da Cociña Económica de Ferrol, do diñeiro xuntado e destinado a súa asociación. Tostado tamén quixo dirixirse ós asistentes, agradecendo o acto e querendo dar un mensaxe de optimismo, asegurando que pronto estes momento de crise pasaran a historia.

O acto tamén se aproveitou para facer entrega a Dolores Romalde Rodríguez dun recoñecemento oficial por parte do Concello de Cabanas ó seu traballo e implicación a favor da comunidade, tras máis de vinte e cinco anos ó fronte da Asociación de Amas de Casa Santa Marta de Cabanas.

7 de abril de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.