publicidade hoxe

Monterrei será o viño oficial na gala de entrega dos Premios Mestre Mateo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterrei
A-
A+

Sete adegas da Denominación de Orixe Monterrei participarán mañá nos Premios Mestre Mateo, como viño oficial dunha gala que prevé reunir en Palexco (A Coruña) a un milleiro de persoas do sector audiovisual.

Bodegas Abeledos, Boo Rivero, Gargalo, José Luís Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo das Tapias e Pazos del Rey, serán este sábado as encargadas de representar á denominación no cóctel que seguirá ao evento, onde só se servirán viños da Denominación de Orixe Monterrei.

Monterrei en apoio ao audiovisual galego, así se contempla esta participación posible grazas á invitación cursada pola Academia Galega do Audiovisual, e da que adegas e consello regulador aspiran a incrementar a súa notoriedade nun sector de bandeira en Galicia.

MEDALLA DE OURO EN CHALLENGE DU VIN

Ademais, a Denominación de Orixe Monterrei suma un novo recoñecemento ao seu palmarés, grazas á Medalla de Ouro obtida polo viño tinto Stibadia Barrica 2011 no concurso internacional Challenge du Vin.

Hoxe facíanse públicos os resultados do prestixioso Challenge du Vin (Bourg-Francia), un concurso internacional que recoñece nos seus premios a calidade dos tintos de Monterrei.

Stibadia barrica 2011 de Bodegas Tabú suma así o seu segundo premio do ano, tras ser recoñecido recentemente cun Bacchus de Prata. Este viño, elaborado coas uvas Mencía e Araúxa procede dunha selección das cepas máis vellas (ao redor de 30 anos de idade) que a adega ten en parcelas situadas en distintas zonas do Rosal. Stibadia Barrica é sometido a un proceso de maduración de 9 meses en barricas de carballo, o 80% francés de primeiro uso e un 20% americano de segundo ano. Cunha produción limitada de 1.500 botellas, este viño parece estar a agradar á crítica, algo que satisfai aos propietarios da adega, Javier González e Isaac Dobarrio.

11 de abril de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.