publicidade hoxe

Manoele de Felisa achega ao Museo de Pontevedra a súa obra no ciclo ‘En Paralelo. Noites de Literatura e Cine’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A poesía e a música centrarán varias das actividades que nesta semana acollerá o Museo de Pontevedra, con dos cantautores como protagonistas.

O xoves, 24 de abril, o protagonista será Marwan, cantautor e poeta que, no marco do programa Pontevedra, Imán de palabras, ofrecerá un recital baixo o título La triste historia de tu cuerpo sobre el mío.

O venres 25, ás 20,00 horas e no Salón de Actos do Sexto Edificio, unha nova fase do ciclo En Paralelo, Noites de Literatura e Cine achegará aos interesados á obra do cantautor galego Manoele de Felisa, que ofrecerá unha charla sobre a composición poética que utiliza e sobre as fórmulas empregadas para adaptar os textos doutros poetas e musicalizalos.

Non será, non entanto, unha charla ao uso, senón que intercalará os comentarios do autor coa interpretación de pezas musicais da súa autoría.

O cantautor, que recentemente actuou no programa Domingos Musicais no Sexto, achou na poesía galega unha fonte que abastece o seu traballo musical. Roberto Blanco Torres,  Martín Codax, Rosalía de Casto, Celso Emilio Ferreiro, María Mariño Carou, Salvador García-Bodaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Rosalía Morlán, Álvarez Blázquez, Antón Reixa,  Fernández Abella, Xosé Luna, Neira Vilas ou Valentín Paz Andrade son algúns dos autores dos que bebe a súa obra.

A película Urxa, escrita e dirixida por  Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal e protagonizada por María Bouzas, foi a elixida por Manoele de Felisa para complementar a súa intervención e como parte cinematográfica deste ciclo no que se pretende combinar literatura e sétimo arte. Urxa proxectarase o día 30 de abril ás 20 horas no Sexto Edificio.

22 de abril de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.