publicidade hoxe

Máis que comercio! premia en Ribadeo á tenda ‘Siete pecados clothes & accesories’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+
Raquel Arias na entrega do diploma acreditativo

Raquel Arias na entrega do diploma acreditativo

Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA de Ribadeo elixiron como o seu comercio favorito a tenda de roupa Siete pecados clothes & accesories. Esta campaña, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, lévase a cabo cada mes en cinco localidades diferentes da xeografía galega.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de entregar o diploma aos responsables deste negocio, con preto de catro anos de traxectoria, que foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5 euros de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido.

A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto de Ribadeo foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de case 8.000 participacións. No caso de Ribadeo, houbo tamén premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

Arias salientou que, ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos, “resalta os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade”.

No mes de marzo participaron, xunto con Ribadeo, os centros comerciais abertos de Pontevedra, O Carballiño, Caldas e Calvario (Vigo). Por parte da provincia de Lugo, celebraranse as sucesivas convocatorias en Viveiro e Sarria –no mes de xullo-, Chantada –en agosto- e Monforte de Lemos, en decembro.

A representante do Executivo galego en Lugo indicou que esta campaña “impulsa o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.

24 de abril de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.