publicidade hoxe

Licítanse as obras de mellora nas estacións de autobuses de Xinzo de Limia e O Barco de Valdeorras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, as obras de mellora de dous estacións de autobuses da provincia de Ourense: Xinzo de Limia e O Barco de Valdeorras.

Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.

No caso da estación de Xinzo de Limia o Plan potenciará os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través do pintado de prazas de aparcamento no exterior da estación e a colocación da correspondente sinal informativa. Ademais se mellorarán os pasos de peóns remarcando o seu trazado e poñendo dúas sinais.

Outros traballos localizaranse nas instalacións, onde se sustituirán as luminarias de emerxencia que están en mal estado e se subsanarán as humidades mediante a limpeza, reparación e selado de canalóns; a substitución das baixantes deterioradas e a limpeza e reparación de cuberta. Finalmente procederase á restauración dos paramentos e teitos afectados.

No caso da estación do Barco de Valdeorras o Plan Renove centrará os traballos nas instalacións e nos sistemas de información. Repararanse as baixantes e acometidas á rede de pluviais, as humidades existentes nos paramentos mediante lixado, pasteado e pintado das zonas afectadas e se limpará a rede de saneamento da dársena e do edificio. Ademáis se executará a reparación do rótulo electrónico informativo na zona da dársena e colocarase un monitor informativo na zona da dársena.

A Dirección Xeral de Mobilidade destinará un orzamento superior aos 28.500 euros (28.689,32€), en concreto preto de 12.000 na de Xinzo de Limia e 17.000 euros na do Barco, e prevé o inicio das obras para os meses de agosto e setembro cunha duración de tres meses.

As empresas interesadas na realización destas actuacións centradas na potenciación dos servizos destas dúas estacións terán un prazo de 26 días para a presentación de ofertas, que empezará a contarse dende mañá e rematará o vindeiro 12 de maio.

Plan Renove

Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.

O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

Na actualidade, Galicia conta cun total de45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións.

8 de abril de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.