publicidade hoxe

Kalandraka conmemora o Día do Libro presentando o Premio Compostela na 40ª feira de Bos Aires

Kalandraka é unha das editoras presentes na 40ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que se celebra ata o 12 de maio no recinto La Rural, no barrio de Palermo da capital arxentina. No marco das Xornadas Profesionais que se realizan ata o xoves 24, unha das actividades nas que participan hoxe os editores de Kalandraka -coincidindo co Día do Libro- é a presentación do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, incluida no programa das III Xornadas Profesionais para Ilustradores.

Na presentación do Premio Compostela participan Xosé Ballesteros e Manuela Rodríguez, de Kalandraka, coa presenza de varias autoras e ilustradoras que foron gañadoras ou finalistas: Natalia Colombo, autora de “Cerca”, distinguida na primeira edición do certame; Rebeca Luciani, ilustradora de “A nube de Martín”, seleccionado nesa mesma convocatoria; Vanina Starkoff, autora de “Bailar nas nubes”, do ano 2010; Mariana Ruiz Johnson, autora de “Mamá”, premiada na edición de 2013; ou Nadia Graciela Menotti, finalista na convocatoria que se fallou neste mes de abril.

Ademais, o director de Kalandraka será un dos ponentes na mesa redonda titulada “O lugar do editor nun espazo de cambio”, que se celebrará este venres no Espazo Tendencias da Feira. Canda el tamén intervirán Alejandro Katz (de Katz Editores, Arxentina) e Bill Swainson (de Bloomsbury, Reino Unido), con Luis Gonzalez Martín (da Fundación Germán Sánchez Ruipérez) como moderador.

Un ano máis, Kalandraka participa na Feira Internacional do Libro de Bos Aires formando parte dun grupo de editoriais independentes reunidas baixo o lema ‘Libros para atesorar’, coas arxentinas Iamiqué, Arte a babor, Libros del Eclipse e Pequeño Editor.

23 de abril de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.