publicidade hoxe

Iván Alonso acada o cuarto posto na Amsterdam Waterland Marathon

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+

Iván Alonso logrou o cuarto posto na prestixiosa Amsterdam Waterland Marathon, unha proba que gañou o portugués Luís Ramalho por diante de Emilio Merchán e David Rodríguez. O padexeiro do Kaiak Tudense regresou “satisfeito e canso” da regata de 22 quilómetros. Foi o seu primeiro maratón na actual tempada e a súa planificación céntrase no Campionato de España que se disputará dentro dun mes. Alí buscará o poder lograr unha praza para o Campionato do Mundo e de Europa.

Nun escenario espectacular, a proba de maratón en Holanda foi “moi igualada, xa que estaban os mellores e ademais tiña moitas características especiais. Nalgunhas zonas do río había pouca profundidade e ademais tíñanse que superar algunhas pontes complicadas”.

Iván Alonso estivo preto de gañar a regata, pero prexudicoulle a chegada en grupo. Explica que “nos atopamos sete padexeiros con opcións de gañar. Pero pecháronme na última ciaboga. A pesar de todo, aínda tiven algunha opción de estar no podio”. O tudense chegou con dous segundos de desvantaxe do gañador.

Esta regata non rompe a planificación da actual tempada. Iván Alonso explica que “tiña ganas de competir. Foi unha proba moi interesante e recoñezo que acabei canso”. Agora, traballará para o Campionato de España de maratón que se disputará en Badaxoz dentro dun mes. É unha cita moi importante dentro do calendario do padexeiro do Kaiak Tudense.

Nesa regata estarán en xogo as prazas para poder competir no Campionato de Europa que se disputará en Eslovaquia, no mes de xuño, e o Campionato do Mundo, que se celebrará en Estados Unidos a finais de setembro.

Sobre o Campionato de España, Iván Alonso desvela que “é un obxectivo importante, sen dúbida. O vital é conseguir a clasificación e despois chegar nas mellores condicións ás probas internacionais”.

Iván Alonso proclamouse tres veces campión de Europa e outras tantas do Mundo. A Amsterdam Waterland Marathon volveu demostrar que o padexeiro do Kaiak Tudense transmite boas sensacións para repetir os éxitos da tempada pasada.

21 de abril de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.