publicidade hoxe

Intenso programa da Festa da Chuvia de Riveira con concertos, circo, un concurso de tapas e unha andaina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRiveira
A-
A+
Presentación da Festa da Chuvia

Presentación da Festa da Chuvia

Este ano a tradicional Festa da Chuvia albergará máis actividades que nunca ao longo das sete xornadas da súa celebración. Do 11 ao 16 de abril e, como colofón, o día 20, sucederanse todo tipo de actividades na cidade e en outras parroquias do municipio: un concerto itinerante, un circuíto de actuacións de taberna, talleres e espectáculos cincerses, un concurso de tapas e máis unha andaina de 25 quilómetros integran unha programación que foi presentada hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas.

Organizado por Casita Records en colaboración co Concello, diferentes establecementos de hostalería do municipio e outras entidades, o calendario de eventos foi explicado por Suso Bello e Aledandro Ayaso no nome da entidade promotora, a concelleira de Cultura Elvira Pisos e Dani Torres en representación do sector da hostalería.

Dos sete días de festa, o día 12 albergará a actividade principal co Primeiro Concerto Itinerante Interparroquial, no que “cen tolos”, en palabras de Suso Bello, percorrerán a bordo dun autobús as parroquias de Riveira, Aguiño, Corrubedo, Olveira e Artes, lugares onde ademais de disfrutar do seu patrimonio cultural e natural terán oportunidade de degustar unhas “tapiñas” en compañía dos veciños e ofrecer uns concertos.

Neste senso, a partir das 12 do mediodía recalarán en Corrubedo, no restaurante Benboa, onde haberá unha actuación a cargo do grupo boirense The Lákazans, que tocará temas de bluegrass. Ás 14 horas estarán no Centro Recreativo de Artes, lugar no que actuarán Cé Orquestra Pantasma e o grupo Rebuldaina.

Ao fío das 16 horas partirán para Aguiño, onde unha hora despois actuará a charanga Fendetestas, no local A Chabola, ademais de desenvolverse distintos xogos e sorteos patrocinados por Rei Zentolo.

Ás 18 horas irán cara Espiñeirido, no que terán oportunidade de degustar diferentes peixes que hoxe non contan con saída comercial, como o muxo, preparados por Gastronomía Casa de Xantares. Alí terá lugar unha actuación a cargo de Najla Sasmi e Héctor Lorenzo (19 horas) antes de que, ás 20.30 horas, tomen o autobús por última vez rumbo á cidade, onde, nas proximidades da Sala Museo Municipal, actuarán Cé Orquestra Pantasma (21 horas), Ollomol (22 horas) e Sacha na Horta (24.00).

Outro dos bloques da Festa da Chuvia terá un claro sabor circense e estenderase os días 14, 15 e 16 de abril. Así, o Circo Escarranchado actuará o luns 14 na praza da Igrexa de Riveira (12 horas) e na escola unitaria de Carreira (20 horas). Enredo Circos fará o propio o martes 16 na praza de Pablo Neruda en Riveira (12 horas) e no porto de Aguiño (20 horas). Mentres que o mércores 17 haberá taller de malabares ás 11 horas na praza do Concello e un número de maxia e música ás 18 horas, tamén na praza consistorial.

Outras dúas iniciativas están marcadas pola implicación dos hostaleiros. Neste senso, terá lugar un concurso de tapas nos que os participantes poderán saborear xunto a súa consumición cadansúa tapa, “máis orixinal e elaborada que o que é habitual”, segundo explicou Dani Torres. Haberá premios tanto para os establecementos colaboradores como para os clientes. As datas deste concurso, que alcanza a súa segunda edición, serán o día 12, de 12 a 15 e de 20 a 22 horas, e o día 13 de 12 a 15 horas. Participan Recoveira, Bulebar, Faro de Alejandría, Capri, Restaurante Xaquín, Plaza, Triskel, Morgan, Riaso, Abuela Gloria e Desván.

E por outra parte hai que destacar os chamados Concertos de Taberna. O venres 11 de abril, o bar Plaza dará cabida a un concerto do grupo feminino boirense Agoraphobia, á 1 da mañá. O domingo 13, Rockfabooguies tocará en Capitán Morgan ás 15.30 horas. O mércores 16 haberá dúas actuacións: Antonio Bermo ás na Recoveira e Fisherman Blues no Triskel, ambos ás 22 horas.

Ruta da Chuvia

A programación pecharase o día 20 coa Ruta da Chuvia, unha andaina de 25 quilómetros que descorrerá pola Garita, o complexo dunar, o dolmen de Axeitos, a capela das Angustias, San Alberto, Deán e finalización en Abesadas.

7 de abril de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.