publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Iníciase a redacción do proxecto de construción dun punto limpo para Frades e Mesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesMesía
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará de inmediato a redacción do proxecto de construción dun punto limpo para Frades e para Mesía. Así o confirmou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante unha reunión co alcalde de Frades, Roberto Rey, e co deputado autonómico Miguel Prado celebrada esta mañá na delegación territorial da Coruña.

Agustín Hernández aceptou a parcela proposta polo Concello de Frades, situada na parroquia de Céltigos (Frades) e limítrofe coa parroquia de Boado (Mesía), polo que indicou que dará orde aos técnicos para a redacción inmediata do proxecto. O alcalde de Frades, Roberto Rey, valora moi positivamente esta decisión xa que “dende que en novembro pasado se anunciara este proxecto presentamos numerosas parcelas tanto de Frades como de Mesía pero ningunha cumpría coas esixencias dos técnicos. Agora agardamos que as obras podan comezar canto antes”.

De acordo coas esixencias establecidas, a parcela escollida en Céltigos está a carón da estrada que une Céltigos e Boado, polo que é de doado acceso para os veciños e veciñas de ambos municipios. Ademais, está afastada de calquera cauce fluvial, dispón dos servizos correspondentes de luz, saneamento e abastecemento, e non está cruzada por ningunha liña de alta tensión. Sobre ela construirase un punto limpo “polo que tanto o Concello de Frades como o de Mesía levamos traballando xa tempo coa intención de facilitarlle a reciclaxe dos residuos aos nosos veciños e veciñas”, sinala  Roberto Rey.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas encargarase da redacción do proxecto e da súa execución, mentres que os Concellos de Frades e de Mesía encargaranse da xestión da instalación unha vez rematada e posta en servizo.

Abastecemento de Añá e Moar, no 2015

Por outra banda, o alcalde de Frades aproveitou o encontro para presentarlle a Agustín Hernández un novo proxecto de abastecemento de auga para as parroquias de Añá e de Moar, orzamentado en máis de 770.000 euros. Un proxecto que unifica outros dous xa presentados, tal e como aconsellara o propio conselleiro de Medio Ambiente durante a súa visita ao inicio das obras de construción da depuradora de Pontecarreira en novembro de 2013. Dende entón, o traballo realizado polo Concello de Frades, co apoio de Augas de Galicia e de Espina e Delfín, permitiu a redacción dun proxecto conxunto para as parroquias de Moar e de Añá que supón un importante aforro económico con respecto aos dous proxectos anteriores.

O deputado autonómico e concelleiro de Relacións Institucionais, Miguel Prado, manifestou a súa satisfacción “polo compromiso de Agustín Hernández con este proxecto xa que nos indicou que o convenio de colaboración se asinaría con cargo á anualidade de 2015 para poder así executar unhas obras que suporían que todos os veciños de Frades poderán ter acceso ao abastecemento de auga”.

Finalmente, tanto Roberto Rey como Miguel Prado agradecéronlle a Agustín Hernández as novas actuacións de conservación e de mellora previstas na AC-524, xa que se trata dun viario moi transitado (especialmente por transporte pesado) e que se atopaba nunhas condicións de conservación moi deficientes. O conselleiro convidou ao alcalde de Frades a contactar coa empresa adxudicataria das obras para coñecer en detalle os traballos que se van realizar.

29 de abril de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.