publicidade hoxe

Ingresa en prisión o “violador do estilete” por agresión sexual en grao de tentativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPolSucesos
A-
A+
Europa Press

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que está de garda, decretou este sábado o ingreso en prisión de Félix Vidal Anido, coñecido como o ‘violador do estilete’, por un delito de agresión sexual en grao de tentativa.

   Fontes próximas á investigación confirmaron que se ordenou o ingreso na prisión de Bonxe, en Outeiro de Rei (Lugo), despois de tomar declaración ao home e de practicar un rexistro na vivenda na que residía cos seus pais no municipio lucense de Pol.

   A Policía Nacional trasladouse esta tarde ao domicilio en Pol, onde estivo a rexistrar as instalacións en busca de indicios que sitúen a Vidal Anido no lugar no que se produciu o intento de agresión.

   O home, de 50 anos de idade, saíu o pasado mes de decembro do cárcere de Villabona, en Asturias, tras a anulación da coñecida como doutrina Parot. Foi condenado a 70 anos de prisión por varias violacións, dúas delas, cometidas en Lugo no ano 1987, moi violentas. Cumpriu condena durante preto de 30 anos.

   A Policía Nacional volveuno deter este venres en Pol tras a denuncia presentada por unha muller, que dixo aos axentes que o pasado mércores sufriu un intento de agresión sexual cando entraba no seu piso nun edificio de Lugo. A vítima, que foi socorrida polo seu fillo, que oíu os seus berros, identificou posteriormente a Vidal Anido.

13 de abril de 2014 | 03:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.