publicidade hoxe

Frades acollerá a VI edición do Raid Odiseo coa participación de máis de 200 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFrades
A-
A+

Frades acollerá este sábado 26 de abril a primeira proba da Liga Galega de Raids, na que se agarda a participación de máis de douscentos deportistas e no que xa teñen confirmada a súa participación un total de 46 clubs de toda Galicia. As inscricións aínda poden formalizarse a través da páxina web da Federación Galega de Orientación (www.fegado.es) antes das 22:00 horas do martes 22 de abril.

Esta sexta edición do Raid Odiseo “Terra de Frades” incluirá, ademais, un acto solidario: unha recollida de tapóns e de envases de plástico (cos números 2, 4 ou 5 no trianguliño de reciclaxe) para axudar na recadación de fondos cos que poder costear o tratamento de Samuel, un neno de Ordes relacionado co club Odiseo. Por iso, o alcalde de Frades, Roberto Rey, fai un chamamento á veciñanza “a colaborar con esta iniciativa solidaria, reciclando tapóns e envases de plástico, ao tempo que disfrutan dun deporte que non se vira antes en Frades”.

75 kms de proba

O raid “Terra de Frades” inclúe un percorrido de máis de 75 quilómetros e terá lugar ao longo dun máximo de 10 horas, durante as cales os participantes farán os percorridos en equipos de dúas ou de tres persoas. Estas probas combinan a resistencia física coa capacidade de orientación, podendo só dispoñer dun mapa e dunha brúxula como axuda para atopar os puntos situados en lugares clave de todo o concello de Frades. Ademais, dende o Club Odiseo apuntan que “este ano coa cercanía do Campionato de España de Raids, que se celebrará en Xermade o 10 e 11 de maio, os asistentes poderán comprobar o seu estado de forma e intentar acadar unha boa posición final que lles dea os ánimos necesarios para afrontar a proba nacional”.

O VI Raid Odiseo sairá ás 10:00 horas da praza de Pontecarreira, a onde se espera a chegada dos primeiros equipos a iso das 18:00 horas. A entrega de premios terá lugar ás 20:15 horas e estará presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez. O Raid disputarase en catro seccións: unha primeira sección de orientación urbana de 6 kms, unha segunda sección de bicicleta de montaña de 34 kms, unha terceira sección de trekking ao longo de 13 kms e unha última sección de Rogaine BTT con 4 horas de límite.

21 de abril de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.