publicidade hoxe

‘Cultura no Camiño’ levará o teatro e a maxia a Corcubión, Culleredo, Portomarín e Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCorcubiónCulleredoPortomarínRibadumia
A-
A+

A Xunta de Galicia abre mañá a programación da segunda edición do circuíto ‘Cultura no Camiño’, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia en colaboración con 81 concellos polos que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago. Corcubión, Culleredo, Portomarín e Ribadumia acollen esta semana as primeiras seis actuacións do total de 323 que conforman un intenso calendario de actividade escénica e musical que se estenderá ata finais do mes de setembro.

Teatro e maxia inauguran esta segunda entrega do ciclo, que se enmarca na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. Así, a Casa da Cultura de Corcubión acolle mañá martes, ás 15.00 horas, a montaxe de maxia e clown ‘A historia da Brancaflor’ dos Sete Magníficos + 1, mentres que o Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culleredo, será o escenario para o espectáculo de teatro infantil ‘Linocho e a lúa’, que Títeres Falcatrúa representará o mércores 16, ás 18.30 h.

Esta primeira semana de actividade complétase con dúas funcións no Auditorio Municipal de Ribadumia (‘Laranxus7’, de Teatro Avento, o sábado 19 ás 18.00 h; e ‘Feitizo’, do mago Martín Camiña, o domingo 20 ás 19.00 h), e unha sexta cita na praza Conde de Fenosa de Portomarín a cargo de Troula Animación e os seus ‘Errantes’.

Patrocinio privado

Coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con Turismo de Galicia, ‘Cultura no Camiño’ 2014 conta tamén co patrocinio de Gadis. Esta edición duplica o número de municipios participantes respecto da súa anterior entrega, celebrada en outubro de 2013. Supón, en consecuencia, a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos situados nas diferentes rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

Neste sentido, un total de 134 compañías e artistas terán a oportunidade de se atopar cos espectadores de numerosas vilas e cidades galegas a través desta ampla carteleira, que inclúe concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro e narración oral, danza, maxia e novo circo. Serán, en total, 160 representacións de teatro e danza, 74 de maxia, 60 actuacións musicais e 29 de novo circo.

En canto á distribución territorial da actividade, na provincia da Coruña 31 concellos acollerán 116 actuacións; en Lugo, 18 concellos ofrecerán 80 espectáculos; 10 concellos de Ourense porán ao dispor do público 39 funcións; e na provincia de Pontevedra 22 concellos levarán aos escenarios un total de 88 representacións.

14 de abril de 2014 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.