publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura contribúe a difundir máis de 80 poemas inéditos de Aurelio Aguirre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe coa difusión da figura e da obra do poeta Aurelio Aguirre (Santiago de Compostela, 1833 – A Coruña, 1858) a través dunha publicación que reúne 133 poemas, dos cales máis de 80 son inéditos. Outros, como o célebre “Brindis” de Conxo, aparecen agora por vez primeira completos e sen censuras.

‘Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858’ é o título desta edición crítica e completa da obra de Aguirre, promovida por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago, e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura. O responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, participou esta tarde, na librería coruñesa Arenas, no acto de presentación do volume, do que destacou o seu interese para afondar na aportación literaria do poeta compostelán, na súa maioría descoñecida, así como tamén no papel que desenvolve no contexto cultural de mediados do século XIX, previo ao Rexurdimento.

Edición crítica

O libro preséntase nunha edición crítica con introdución e notas a cargo da profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González e conta tamén cun estudo histórico realizado polo filólogo da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González. A reprodución de manuscritos inéditos do propio Aurelio Aguirre completa esta coidada edición coa que Alvarellos Editora pretende reparar nalgunha medida “a débeda histórica que, cara á súa figura, Galicia enteira e tamén o movemento romántico español contraeron durante todo este tempo”.

As composicións inéditas que ven a luz nesta obra proceden principalmente de dous manuscritos. Por unha banda, de Recuerdos de agosto, un poemario localizado no Museo de Pontevedra, procedente da colección particular Antonio Asorey, e, por outra banda, do manuscrito ‘Poesías de D. A. A.’, un conxunto de poemas de xuventude de Aurelio Aguirre que se atopa na sede da Real Academia Galega.

8 de abril de 2014 | 22:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.