publicidade hoxe

Culleredo reserva prazas de aparcadoiro xunto aos cemiterios para facilitar os servizos eclesiásticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O goberno de Culleredo prosegue co seu plan de regulación das prazas de aparcadoiro para favorecer as diferentes necesidades dos veciños. Agora, o Concello impulsará unha mellora xunto aos cemiterios de todas as parroquias para facilitar a realización dos servizos eclesiásticos.

A Policía Local ha detectado problemas para o acceso correcto do coche fúnebre e do coche da familia que o adoita acompañar. Isto débese á ocupación dos espazos por parte doutros asistentes, ao non existir ningunha marca viaria que o regule.

Por iso, a Policía Local conclúe a necesidade de habilitar dúas prazas de aparcadoiro xunto a cada cemiterio que garantan así o acceso rápido e sen trabas do coche fúnebre e dun acompañante.

O primeiro tenente de alcalde e responsable de Seguridade Cidadá, José Ramón Rioboo, apunta que o obxectivo da actuación é “ordenar o tráfico” en servizos desta clase, algo que considera “especialmente necesario nos máis concorridos”.

A Policía Local ademais tomará medidas para evitar o estacionamento en lugares indebidos que impidan o correcto desenvolvemento do tráfico nestes actos. O Concello, avanza Rioboo, pintará estas prazas de forma inminente.

Prazas para familias numerosas

Outra das medidas de tráfico que aplicará o Concello en breve praza serán as prazas para familias numerosas. Tratarase dunha reserva de espazo en lugares concorridos para facilitar a accesibilidade, especialmente de familias con carriños de bebé. A finais de ano pasado, o goberno local habilitou a primeira praza destas características, en fase de probas, xunto á entrada do CEIP Sofía Casanova, en Vilaboa. Dado o bo resultado, o

Concello creará agora máis prazas destas características en lugares de maior afluencia dos veciños, como colexios ou centro de saúde.

O primeiro tenente de alcalde asegura que o Concello continuará coa súa misión de “favorecer a accesibilidade” dos colectivos con maior necesidade e de facilitar o estacionamento á poboación en xeral.

A estas dúas actuacións, sinala Rioboo, úneselle a ampliación do aparcadoiro exprés no Burgo e a creación dunha nova zona en Fonteculler. Esta medida, de carácter gratuíto, está a facilitar as compras e xestións rápidas nos puntos neurálxicos do municipio.

19 de abril de 2014 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.