publicidade hoxe

Culleredo oferta cursos aos desempregados para preparar as probas de competencias clave

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Dende a Concellería de Promoción Económica, Formación e Emprego do Concello de Culleredo vanse levar a cabo accións de formación co obxecto de servir de apoio na preparación das competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 de cualificación profesional para o emprego.

Ditos cursos están dirixidos aos veciños de Culleredo, preferentemente en situación de desemprego e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 débese posuír unha formación básica necesaria e para isto é preciso acreditar que se posúen certas titulacións, certificacións ou acreditacións.

Cando o aspirante non posúe os requisitos académicos necesarios, que é a situación na que se atopan unha grande cantidade de veciños de Culleredo en situación de desemprego e demandantes de formación e emprego, existe outra vía de acceso que consiste na superación das probas de competencias clave que organiza a administración.

As accións formativas realizadas en anos anteriores, cunha grande acollida por parte dos veciños, permitiron que a maioría dos participantes superasen as probas e desta forma puidesen acceder aos cursos vinculados aos certificados de profesionalidade de nivel 2.

Nº DE CURSOS: 2

REQUISITOS DE ACCESO: Non ter formación regrada igual ou superior á ESO, 2º B.U.P., F.P I ou equivalente.

DURACIÓN DE CADA CURSO: 30 horas.

PRAZAS OFERTADAS: Cada curso conta con 20 prazas.

ASIGNACIÓN DE PRAZAS: No caso de que o número de solicitantes supere ao de prazas, realizarase un sorteo público. O resultado do sorteo publicarase no taboleiro de anuncios do Centro Municipal de Formación e Emprego ” Pablo Picasso” do Concello de Culleredo na semana do 14 ao 18 de abril de 2014.

4 de abril de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.