publicidade hoxe

Culleredo elixe a idea de rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A rehabilitación integral do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo xa colle forma. O goberno de Culleredo encargou a varios estudos de arquitectura o deseño de ideas para posteriormente redactar o proxecto construtivo. O estudo de Alberto Galego Núñez resultou o gañador pola súa elevada puntuación técnica.

O Concello, por tanto, acaba de adxudicar a este estudo a elaboración do proxecto, cunha contía de 18.000 euros. Estímase que a reforma do Edificio de Servizos Múltiples terá un orzamento de contorna aos 800.000 euros, procedentes de parte do remanente de tesouraría, unha vez que o Goberno do Estado permitiu aos Concellos con boa situación económica destinalo a investimentos.

A mellora da funcionalidade do edificio é a que empuxou a que esta idea levase unha maior puntuación dos técnicos municipais. Servizos Múltiples experimentará unha total redistribución de espazos para gañar en comodidade e en aproveitamento.

As escaleiras interiores será eliminadas, deixando só as exteriores, emprazadas xunto ao ascensor. Isto permitirá que as plantas altas dispoñan de maior superficie.

En cada unha das plantas crearanse 4 salas, ademais das oficinas municipais, a biblioteca coa súa sala infantil, os despachos, cafetaría, ou salón de actos. Precisamente, a entrada ao salón de actos verase especialmente modificada. Crearase un vestíbulo para mellorar o acceso, que será compartido coa aula situada hoxe na súa entrada, que pasará a ser independente.

A cafetaría cambiará de localización, pasando a atoparse xunto á entrada do salón, o que facilitará o seu uso. As oficinas municipais emprazaranse na á onde hoxe está a cafetaría. Ademais da funcionalidade, outros criterios valorados no concurso foron o programa de traballos, o equipo técnico e a eficiencia enerxética prevista para a dependencia. Neste sentido, Servizos Múltiples contaría con iluminación mediante tecnoloxía LED e con caldeira de biomasa.

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, apunta que este edificio constitúe o principal centro municipal na zona urbana, acollendo unha rica programación cultural e oficinas municipais, coa recente apertura do rexistro. O edificio, con máis de 25 anos de vida, demanda unha reforma completa para modernizalo e adaptalo ás necesidades dos usuarios.

12 de abril de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.