publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convócanse 5 permisos de explotación para a extracción de percebe a pé nas confrarías de Fisterra e Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterraLaxeLocal Portada
A-
A+

A Consellería do Medio Rural e do Mar convoca 5 permisos de explotación destinados á extracción de percebe a pé para as confrarías de pescadores de Fisterra e Laxe. Así, para a confraría de Fisterra convócanse 3 prazas para a cobertura de vacantes no ámbito do plan de explotación deste cabido. Para a confraría de Laxe convócanse 2 novos permex tamén de percebe a pé. Estas novas incorporacións son unha mostra máis da aposta da Xunta pola xeración de actividade e o incremento dos postos de traballo para a incorporación de xente nova ao marisqueo, especialmente no contexto económico actual.

Para poder optar aos permisos de explotación, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e presentar a documentación requirida pola Consellería do Medio Rural e do Mar. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles dende mañá, tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

As solicitudes presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Medio Rural e do Mar procederá á súa valoración.

Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

23 de abril de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.