publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comeza a tramitación para iniciar os traballos de acondicionamento dun tramo do camiño Fisterra-Muxía ao seu paso por Dumbría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDumbríaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia iniciou hoxe a tramitación do proxecto para arranxar un tramo do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso por Dumbría coa solicitude ao concello da licencia municipal pertinente para poder executar a actuación. A intervención, promovida por Turismo de Galicia, pretende acondicionar parte do camiño para facelo máis transitable, xa que hoxe en día ten puntos de difícil paso, especialmente pola acción da auga e polo uso de maquinaria pesada.

Así, a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, explicou que no municipio de Dumbría, as obras consistirán na reposición dos adoquíns dalgunhas cunetas e na realización de pasos de auga novos onde sexa preciso. En todo caso, respectaranse en todo momento o ancho do camiño así como os valos tradicionais. Tamén se procederá á limpeza das zonas transitables e das súas marxes e reporase a capa de rodadura e eliminaranse as fochancas nos treitos máis danados. O proxecto delimita seis tramos de intervención neste concello, comprendidos entre os puntos quilométricos 20,300 e 33,661.

Do Campo resaltou que a finalidade última desta iniciativa é a de potenciar a Ruta Fisterra-Muxía, que hoxe xa constitúe un punto de chegada de miles de peregrinos que, tras visitar a tumba do Apóstolo, deciden camiñar ata a Costa da Morte seguindo a tradición xacobea da fisterra galega. En 2013, fixeron este percorrido preto de 20.000 persoas e, incluso, un total de 454 peregrinos fixeron o Camiño desde Muxía-Fisterra a Santiago, un 8,8% máis que o ano anterior.

Potenciar a Ruta Fisterra-Muxía como recurso turístico

“O Camiño constitúe un dos moitos atractivos singulares da Costa da Morte, que dotan de gran potencialidade a un destino que traballa en prol do seu desenvolvemento turístico”, expresou Do Campo, quen recalcou que mostra do seu crecente atractivo son os datos rexistrados polos establecementos hoteleiros da zona nos dous primeiros meses deste ano. Entre xaneiro e febreiro, máis de 4.451 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros da Costa da Morte, un 8,6 % máis que no mesmo período do ano pasado. De igual modo, o turismo rural rexistrou un incremento na cifra de viaxeiros no que vai de ano do 28,25 % a respecto dos dous primeiros meses do ano pasado. As pernoitas en establecementos hoteleiros medraron un 67,5 % e as pernoitas en turismo rural un 38,6%.

Tamén a estadía media medrou por riba do 54 % en hoteleiro e por riba do 8,1 % en rural. As pernoitacións de turistas internacionais na Costa da Morte dobraron os niveis en relación ao ano pasado neste mesmo período, segundo matizou a delegada territorial. Ao tempo, recalcou que a Costa da Morte conta con recursos únicos que se converten en importantes polos de atracción para os viaxeiros que buscan destinos diferenciais. Turismo de Galicia e o xeodestino Costa da Morte están a traballar na creación e posta en valor turística do territorio e na dinamización da zona a nivel turístico e de potenciación dos seus recursos singulares.

16 de abril de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.