publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cinco concellos da provincia de Ourense ofertarán 105 prazas en campos de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaCelanovaGaliciaLocal PortadaMuíñosOurenseRiósVilar de Barrio
A-
A+
Beatriz Mato en Ourense

Beatriz Mato en Ourense

Un total de cinco concellos da provincia de Ourense –Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa e Vilar de Barrio- contarán este verán con campos de traballo destinados aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, e organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe os respectivos protocolos de colaboración cos rexedores destes municipios, un acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Mato destacou a importancia destas iniciativas dado que promoven as accións voluntarias, a participación da xuventude na sociedade e a mobilidade, ademais de ser unhas “excelentes ferramentas” de educación non formal.

En total, en Galicia contará este ano con 400 prazas distribuídas en 14 campos de traballo, dos que cinco se atopan na provincia de Ourense, con 105 prazas. A esta oferta dentro da comunidade autónoma, hai que engadir os 101 potenciais beneficiarios que poderán asistir a un campo noutra comunidade autónoma ou os 148 que poderán desprazarse ao estranxeiro (a 27 países en Europa, Asia, África e América do Norte). Deste xeito, a oferta total acadará as 649 prazas.

A temática dos campos que se desenvolverán en Ourense será moi variada, pero en xeral están relacionados co medioambiente, o patrimonio natural e arqueolóxico, e o contido social. Por exemplo, o de Vilar de Barrio centrarase no uso de materiais ecolóxicos para a construción. Ademais, os voluntarios participarán na vixilancia forestal da Serra de San Mamede.

Pola súa banda, o de A Peroxa terá dúas bases esenciais: a conservación e mellora da contorna natural e a dinamización das residencias de maiores e centro de día da Asociación Morea. O campo de Riós ensinará aos participantes o cultivo dos soutos, así como o aproveitamento dos castiñeiros e as castañas como elemento gastronómico.

En Muíños, os voluntarios contribuirán á recuperación da aldea de Salgueiro como recurso etnográfico e natural no parque da Baixa Limia- Serra do Xurés. Xa por último, o de Celanova centrarase no eido audiovisual. Nel ensinarase a teoría da redacción do guión, rodaxe, produción e montaxe, así como tamén se centrará na práctica, a través da realización dunha curtametraxe.

O prazo de inscrición para os campos de traballo dará comezo este mércores 23 de abril. As actividades terán lugar nos meses de xullo e agosto, e celebraranse en quendas de entre 12 e 15 días.

Os campos de traballo son unha das actividades da Campaña de Verán que organiza este departamento autonómico, e que inclúe tamén os campamentos para os menores de 18 anos, o outras actividades de ocio e tempo libre. En total, a campaña oferta este ano un total de 8.266 prazas, un 2,7 por cento máis que o ano anterior.

21 de abril de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.