publicidade hoxe

Céspede de última xeración, iluminación, novos asentos e bancos no campo de fútbol de Rutis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O campo de fútbol de Rutis disporá de céspede artificial de última xeración coa actuación que executará o Concello de Culleredo nos próximos meses. Así llo explicou o alcalde, Xullo Sancristán, aos representantes dos distintos clubs deportivos do municipio nunha reunión celebrada onte no pazo de Vila Melania con obxecto de escoitar as súas achegas e resolver posibles dúbidas.

O goberno de Culleredo deseñou unha modernización total da infraestrutura deportiva, atendendo así á clara necesidade de mellorar as condicións do campo, manifestada polos usuarios. E é que o municipio conta cuns 1.500 veciños que practican fútbol nas diferentes categorías.

Para dar resposta á necesidade, o equipo de goberno esperaba a autorización do Estado aos municipios para usar parte do remanente positivo a investimentos, cuestión aprobada o pasado febreiro. Serán 764.657,91 euros do superávit os dedicados á obra, un “importante esforzo económico”, apunta o alcalde, posible grazas ao traballo de contención do gasto que levan todas as áreas municipais.

O futuro campo de fútbol de Rutis incorporará este céspede artificial de última xeración, sobre unha capa de zahorra de 30 centímetros, que permitirá unha mellor resposta ante impactos, o que previrá moito mellor as lesións. “Especialmente favorecerá a evitar as temidas lesións de xeonllo”, explicou o concelleiro de Deportes, Miguel Suárez.

A instalación contará cun campo de fútbol 11 e outro de fútbol 7, onde actualmente sitúase o campo de adestramento. O de fútbol 11, ademais, contará cunha marcaxe transversal para outros dous campos de fútbol 7, que se poderán usar coas portarías abatibles que adquirirá o Concello.

Os campos contarán cun sistema de rega mediante aspersores emerxentes, colocados nas liñas de banda. A evacuación de auga realizarase cara aos laterais. As propias características do céspede de última xeración propiciarán unha mellor drenaxe.

Cada un dos dous campos contará con iluminación, unha das principais carencias actuais que se paliarán co proxecto. O campo de fútbol 11 disporá de 4 torretas de 18 metros de altura con tres proxectores cada unha de 2.000 W. O de fútbol 7 terá doutras 4 torretas, de 12 metros de altura, con tres proxectores cada unha de 400 W.

O Concello mellorará así mesmo as condicións para os usuarios e o público. Nas bancadas instalaranse asentos con respaldo e os bancos serán novos, cubertos. Tamén se colocarán redes detrás das portarías para recoller os balóns e unha nova varanda perimetral.

Sancristán avanza que o Concello prepara os pregos para sacar canto antes a actuación a licitación. Polo importe será necesario publicala tamén no Diario Oficial da Unión Europea, o que inevitablemente demorará o procedemento. Estímase que a mediados de xullo podería estar o contrato asinado coa adxudicataria para iniciar as obras e que o novo campo, polo menos o grande, poida estar listo para o inicio da próxima tempada.

O rexedor sinala que a modernización do campo era “imprescindible” e un compromiso adquirido cos miles de usuarios e cos clubs que agora se poderá cumprir. “Será un investimento eminentemente social”, afirma Sancristán, que defende os valores sociais que transmite o deporte entre os pequenos, constituíndo unha alternativa excelente para o lecer infantil.

5 de abril de 2014 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.