publicidade hoxe

Cativos da Coruña e Culleredo estrean o centro de día do Fogar Infantil Emilio Romay

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredo
A-
A+

O Fogar Infantil Emilio Romay, dependente da Deputación, xa funciona como Centro de Día para a atención de menores da área metropolitana coruñesa a través da colaboración que a institución provincial ten establecido cos concellos da Coruña e de Culleredo.

Así, ata doce nenos da Coruña e outros dous de Culleredo poderán beneficiarse, en horario diúrno, dos servizos especializados que ofrece o fogar provincial, cuxo persoal conta cunha ampla experiencia na atención de nenos e nenas en risco social ou de desamparo.

Ademais, desde o Emilio Romay traballarase tamén coas familias necesitadas de apoio que estean incluídas nos programas municipais destes dous concellos, con atención prioritaria a aquelas unidades de convivencia que se atopen en situación de vulnerabilidade e nas que haxa menores de 0 a 12 anos en situación de risco de desatención ou naquelas onde se identifiquen outros factores de risco de exclusión social.

Ata agora, o centro traballaba unicamente en colaboración co departamento de Menores da Xunta para acoller, en réxime de aloxamento temporal, a nenos con graves problemas familiares en estadías máis ou menos prolongadas dependendo da súa situación.  

Aínda que este xeito de traballar continuará, a novidade pasa agora por ampliar os servizos a estadías diarias coas que axudar a familias con dificultades puntuais para a atención dos seus fillos.

O obxectivo xeral deste programa de Centro de Día para a Infancia é, por tanto, o apoio aos programas municipais de traballo coas familias para atender as necesidades básicas dos nenos e nenas menores de 12 anos, co fin de mellorar a súa integración social e fomentar o desenrolo da autonomía nas familias no exercicio das súas funcións parentais.

En canto aos obxectivos específicos recollidos nos convenios asinados polo presidente da Deputación, Diego Calvo, a idea é que sexa cada administración local a que remita a solicitude de alta no programa do Centro de Día do Emilio Romay do neno ou nena que o precise.

A partir de aí, serán os profesionais do centro dependente da Deputación os que definan o proxecto de traballo individual de cada menor e a súa familia para servir de apoio ao labor que viñan desenrolando os servizos sociais comunitarios.  

O traballo cos nenos e as súas familias

O traballo a realizar cos menores centrarase en diferentes áreas, como son:

-Satisfacer as necesidades básicas de alimentación, hixiene e saúde dos nenos, asumindo que para levar a cabo esta tarefa a familia precisa o apoio doutras persoas e institucións

-Prestar apoio nas tarefas escolares

-Detectar necesidades específicas de apoio, valoración e mesmo diagnóstico dalgunha deficiencia na saúde física ou psíquica

-Realizar un seguimento continuado da situación dos nenos e as nenas mediante a supervisión dos coidados que reciben nas súas familias e o contacto periódico con pais e nais

-Promover a adquisición de hábitos e o desenrolo de habilidades que faciliten a integración dos menores e melloren a súa relación co entorno social e comunitario

-Impulsar o desenrolo físico, psíquico e social dos menores

-Reforzar as actitudes, aptitudes e capacidades dos nenos como medio de mellorar as súas relacións sociais e o rendemento académico.

En canto ao traballo coas familias, a función dos profesionais do Fogar Infantil Emilio Romay é complementar os programas de apoio e educación familiar dos concellos, traballar cos pais e nais habilidades que favorezan un desenrolo físico, psíquico e social adecuado aos fillos; e detectar posibles necesidades específicas de reforzo das figuras parentais.

Ampliación do servizo

Durante unha recente visita ao centro, o presidente da Deputación xa anunciou a súa intención de “ampliar o servizo de centro de día ata a súa capacidade máxima xa durante este ano” algo que, segundo explicou, “faremos en colaboración con máis concellos do entorno metropolitano da Coruña porque somos conscientes das necesidades de moitas familias”.

Actualmente o funcionamento do centro pasa por un convenio que se firma anualmente e que supón a achega de 150.000 euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de cubrir os gastos de 25 das 50 prazas con que conta o centro.

Pola súa banda, a institución provincial inclúe nos seus orzamentos anuais diferentes partidas que suman máis de 2,5 millóns de euros destinadas a persoal, gasto corrente e mantemento do centro.

O Fogar Infantil Emilio Romay

O centro dependente da Deputación funcionou ata o ano 2006 baixo a tutela das Hijas de la Caridad de San Vicente de Paúl. En canto as relixiosas deixaron o fogar, o servizo profesionalizouse e adaptouse a metodoloxía do traballo á normativa actual dos centros de acollida e tratamento dos rapaces en situación de risco persoal e social. 

O centro atende, por tanto, a nenos de 0 a 6 anos procedentes de contornas familiares de risco e desenrola un amplo programa de contido psico-social tanto para os rapaces como para as súas familias.

Como centro de titularidade pública, con financiamento propio, é o único da provincia na área de protección á infancia. A súa maior singularidade é que pon a disposición da Xunta unha valoración dos nenos e da súa familia que permite que as equipas de menores poidan optar pola medida máis axustada ás necesidades particulares de cada usuario.

A acollida residencial, segundo explican desde o centro, non é unha opción a contrapoñerse ante outras posibles coma a acollida familiar ou a adopción. Aínda así, o fin último do traballo do centro é conseguir que os rapaces regresen as súas casas coas súas familias.

16 de abril de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.