publicidade hoxe

Carlos Núñez e a Banda de Música de Sober despiden cunha actuación conxunta a Feira do Viño de Amandi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

O Concello de Sober celebrou esta fin de semana a XXXIV Feira do Viño de Amandi, na que este ano participaron vinte adegas da localidade. O pregón da feira correu a cargo do gaiteiro Carlos Núñez, quen asegurou que “viño e música, e paisaxe, e cultura, son todo un”. Ao remate do seu discurso descubriu que o seu avó tiña a ilusión de botar unha peza coa histórica Banda de Música de Sober.

Así, Carlos Núñez e a Banda de Música de Sober fixeron realidade o soño do seu avó ao compartir escenario para tocar dúas pezas: Alborada galega e a muiñeira de Chantada. O gaiteiro galego máis universal quixo agasallar coa súa música a todos os que se achegaron ata a feira, despois de ofrecer un concerto íntimo en Cadeiras o día anterior.

No seu discurso Carlos Núñez falou das orixes do viño de Amandi e explicou que aos irlandeses non só lles gusta a música dos celtas do sur, do país celta son sol, senón tamén o noso viño. “Hai só uns días tocamos na City Winery, un lugar de concertos moi de moda en Nova Iorq xusto antes do día de San Patricio, a festa maior dos irlandeses, e vaia como disfrutaban dos viños galegos que había na carta os Irish Americans”.

O músico reivindicou o momento no que vivimos. “Un fermoso momento no que non está todo feito, o momento dos soños, de construír, como pasa coa nosa música e igual que a nosa música viviu e seguirá existindo mentres no rural siga viva, igual que pasa co viño. Tan importante é a industrialización e a comercialización que dá postos de traballo e produce riqueza como manter vivas as raíces, na casa, na familia, cos amigos, senón o que queda é artificial, unha caricatura plastificada do que foi. Viño e música, e paisaxe, e cultura, son todo un”.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, agradeceu a asistencia e colaboración de todos os adegueiros e de todos os asistentes á feira. Asegurou que lle tivera encantado ter tocado con Carlos Núñez e a Bandas de Sober e afirmou que foi unha fin de semana “histórica”.

Entre outros asistiron ao acto o conselleiro de Industria, o conselleiro de Cultura, a directora de Turismo de Galicia, a subdirectora xeral de produción agropecuaria, o director de La Vuelta a España, a delegada da Xunta, o subdelegado do Goberno, o portavoz do PP no senado, así como varios alcaldes da Ribeira Sacra, senadores e parlamentarios.

Adegas premiadas

As adegas premiadas este ano foron Cruceiro, As Muras e Don Bernardino.

O xurado estivo composto por:

-Mar Vilanova de la Torre. Investigadora da Misión Biológica de Galicia (CSIC). Grupo de investigación de viticultura.

-María Eugenia Medina González. Enóloga da Asesoría Enolóxica Integral Dona Branca S.L. e membro de diversos comités de cata.

-Juan Manuel Casares Gándara. Director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

-David Cidre Guitián. Profesor do ciclo formativo de Servizos en Restauración da Escola de Hostalería Belarmino Fernández Iglesias de Rosende (Sober).

-José María Martínez Alonso. Membro do panel de cata da Ribeira Sacra e sumiller-propietario da vinoteca “O Beiro” (Santiago de Compostela).

13 de abril de 2014 | 20:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.