publicidade hoxe

As visitas á Torre de Hércules incrementáronse nun 34% en Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Torre de Hércules recibiu entre o 14 e o 20 de abril 5.423 visitas o que supón un incremento do 34% (1.415 persoas máis) respecto da Semana Santa de 2013, cando o faro foi visitado por 4.008 turistas, segundo as cifras facilitadas esta mañá pola presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, quen afirmou que os datos reflicten “unha longa tempada de consolidación turística que demostra que imos na dirección correcta”.

Cid lembrou que as visitas á Torre de Hércules son un bo termómetro turístico da Coruña. “Trátase de datos moi significativos porque case todas as persoas que veñen por primeira vez á cidade visitan o monumento”, subliñou a edil.

O número de visitas en Semana Santa reflicte, ademais dun incremento respecto de exercicios anteriores, o forte peso do turismo nacional xa que o 86% das persoas que decidiron visitar o faro -un total de 4.690 visitantes- foron españois. Dentro deste grupo, o 35% procedían de diferentes puntos de Galicia, mentres que a Comunidade de Madrid acaparou o 19%. Máis lonxe situáronse comunidades como Castela e León e Euskadi -cun 8%, respectivamente-  ou Asturias (5%).

INTERNACIONAIS

Respecto da procedencia internacional, Europa aglutinou o 67% das visitas. Por países, o 28% dos visitantes foron de Portugal e o 25% de Alemaña. O terceiro posto neste ranking ocupouno Francia (con case un 9% das visitas), seguidos de Reino Unido (6,7) e Italia (5,7).

Un total de 233 persoas procedían do continente americano cunha ampla presenza de arxentinos (19%) e brasileiros (15%). Estadounidenses e mexicanos representaron, en ambos os casos, o 10% das visitas que recibiu a Torre de Hércules durante a Semana Santa.

CRECEMENTO CONTINUADO

A responsable do Consorcio de Turismo, que valorou o nivel de ocupación en Semana Santa xunto ao xerente do Consorcio de Turismo, José Paz, e o presidente da Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), Francisco Canabal, asegurou que as cifras de ocupación -un 76,10%- demostran que a cidade da Coruña marca unha tendencia continuada de crecementos por encima da media galega.

A edil lembrou que o pasado mes de febreiro “superamos mesmo a cidades como Santiago e a zonas como as Rías Baixas, lugares tradicionalmente moi turísticos”, e engadiu que o Concello “non busca datos estacionales senón unha tendencia, e agora mesmo -indicou Cid- a tendencia da Coruña é moi boa”.

“Tivemos máis visitantes e aumentou a rendibilidade do sector”, engadiu a concelleira, quen se mostrou partidaria de continuar con políticas e campañas de promoción en estreita colaboración cos sectores locais para consolidar e reforzar a posición da Coruña no mapa turístico nacional e internacional.

22 de abril de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.